O BNG pídelle a Sánchez «valentía» para subir os impostos ás eléctricas e intervir o mercado

Juan María Capeáns Garrido
Juan Capeáns SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS

Ana Pontón ve «insuficientes» e «curtopracistas» as medidas do Goberno para paliar a crise e reclama cambios «estruturais»

29 mares 2022 . Actualizado ás 18:55 h.

Ao BNG non lle chegan as medidas anunciadas polo Goberno de España para paliar a crise. Considéraas «insuficientes» e «curtopracistas», ademais de non resolver o problema «de fondo», denunciou Ana Pontón, que se referiu á enerxía como «un ben esencial sometido a especulación, cando debería ter control público». Por iso pediulle a Pedro Sánchez «valentía» para asumir iniciativas profundas que eviten a picaresca, dixo referíndose á alza de ata 30 céntimos rexistrada nalgunhas gasolineiras que bota por terra a subvención dos 20 céntimos.

Ao seu xuízo débense asumir medidas «de calado», como fixar prezos máximos da luz, o gas e os carburantes, ademais de suxerir para Galicia a creación dunha empresa pública de enerxía que permita lanzar a tarifa eléctrica galega que defende o Bloque. «Eses beneficios non teñen detrás unha mellor xestión senón a especulación cun ben básico que se lle permite ó lobby eléctrico e, por iso, desde o BNG propoñemos fixar prezos máximos, porque todo o que supere os 57 € MW/h é un custe altísimo que non podemos asumir como sociedade», explicou Pontón.

E ademais de fixar os prezos, os nacionalistas creen que é necesario subir os impostos ás eléctricas, seguindo a máxima de que contribúan máis os que máis teñen. «Hai que gravalas cun imposto especial a favor da maioría social». O obxectivo, recalcou a líder nacionalista, é conseguir «máis recursos» e cambios estruturais que xa se deberon asumir antes do inicio da guerra.

Cos armadores

Pontón fixo estas valoracións sobre as propostas do Goberno tras unha reunión coa Asociación de Armadores de Vigo (ARVI), coa que analizou a situación do sector. Aos empresarios da pesca trasladoulles as formulacións da súa formación, como manter as exencións fiscais aos carburantes ante unhas subidas «desorbitadas»; e demandar axudas directas extraordinarias para superar esta situación, pero tamén para afrontar transformacións pendentes.