Política Social abre o proceso para regular os aloxamentos compartidos de maiores

Juan María Capeáns Garrido
Juan Capeáns SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

VÍTOR MEJUTO

Presenta un borrador coas características que deben ter estas vivendas, dotadas de espazos privados e comunitarios

24 mares 2022 . Actualizado ás 20:18 h.

Galicia vai regular as vivendas compartidas de maiores, unha modalidade residencial moi estendida en países desenvolvidos e que tamén se coñece polo nome de cohousing sénior. A irrupción crecente de proxectos na comunidade levou á Xunta a modificar unha orde de 1996 que establece as condicións que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores, creando un novo texto legal en fase de borrador para o que acaba de abrir un período ata o 18 de abril para que a cidadanía poida facer achegas que melloren os marcos de convivencia.

Esta modalidade de aloxamento en común incorpora os coidados e apoios necesarios en casos de dependencia sobrevinda, por iso é polo que a Consellería de Política Social teña optado por fixar uns requisitos mínimos sobre os materiais, a arquitectura, os espazos privados e os comunitarios. Así, cada integrante debe dispor dun cuarto de polo menos 12 metros cadrados (14 metros para as dobres); un baño; un trasteiro que pode estar dentro ou fóra do apartamento; un salón; e unha cociña, que tamén pode estar integrada no salón.

As zonas de uso común terán unha recepción á entrada, un comedor no que caiban todos os usuarios, con dous metros cadrados para cada un; un mínimo de dous baños ou aseos, un deles accesible para persoas con mobilidade reducida; e unha ou máis salas polivalentes para a convivencia e actividades conxuntas. Tamén deberá contar cunha sala de atención sociosanitaria e reservar un 5 % das prazas para persoas que precisen coidado diúrno ou nocturno.

O documento, susceptible de incorporar mellores que se poden tramitar a través do portal de transparencia autonómico, tamén ten en conta a zona exterior, que terá unha zona de aparcadoiro ou xardíns, convalidables con espazos públicos próximos en contornas urbanas. Tamén esboza algunhas pautas de funcionamento, con plans de organización e de atención en función da dependencia, así como a necesidade de contar cunha persoa á fronte con titulación e formación relacionada cos coidados.