Formoso pídelle á Xunta que bonifique ao 50 % uns 36.000 litros de gasoil por empresa transportista

Juan María Capeáns Garrido
Juan Capeáns SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

CEDIDA

O secretario xeral dos socialistas ve unha «falta de respecto institucional» que Feijoo non teña accedido aínda a un encontro

24 mares 2022 . Actualizado ás 14:01 h.

O secretario xeral dos socialistas galegos ampliou o catálogo de medidas de choque exposto pola súa formación ante a crise económica, neste caso con incidencia directa nas competencias da Xunta, á que lle solicita que bonifique uns 36.000 litros de gasoil ao 50 % para cada unha das preto de dez mil empresas transportistas de Galicia. Valentín González Formoso instou a Alberto Núñez Feijoo a tomar medidas «contundentes» para rebaixar o impacto no sector, e por extensión na actividade gandeira e marítima. 

O líder do PSdeG lembra que a Administración galega recibe o 58 % dos impostos que gravan os combustibles, e que esa fiscalidade lle xerou ás arcas autonómicas 557 millóns de euros, o que suporía ceder unha cantidade aproximada de 277 millóns para subvencionar combustible no 2022. «É o momento de estar á altura das circunstancias», valorou Formoso, quen considera que se trata dunha medida de «calado» e «impacto rápido» para axudar neste transo aos transportistas e que se suma a outra batería de propostas que non atoparon eco na Xunta.

A falta de sintonía co Executivo autonómico existe, tal como recoñeceu o secretario xeral, e contrasta, dixo, coa súa disposición a «chegar a acordos e pactos de país cando é necesario». Máis aló dun comentario realizado na comparecencia parlamentaria desta semana, Feijoo segue sen contestar á petición de entrevista, o que Formoso considera como unha «falta de respecto institucioal que esperemos que corrixa no tempo máis breve posible».

O bono-turístico, un «insulto»

O tamén presidente da Deputación coruñesa ninguneó en rolda de prensa as medidas anunciadas polo presidente na Cámara este martes, e cualificou como un «insulto» que unha das respostas teña sido ofrecerlles «un bono-turístico para ir a un balneario. A un mariñeiro, a un armador, a un camioneiro de nada lle vale que regalen un bono, non están pensando en irse de fin de semana», criticou. Ao seu xuízo, o que agardan dun Goberno con competencias son iniciativas que axuden a «chegar a fin de mes e pagar a letra do banco».