O narcotráfico logrou manter a súa actividade delituosa en Galicia durante o confinamento

Susana Luaña Louzao
Susana Luaña SANTIAGO

GALICIA

M.MORALEJO

As infraccións penais baixaron un 27,4 % na comunidade durante o estado de alarma

14 ago 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A pesar da obrigatoriedade de quedar en casa, pese ao estado de alarma e a pesar da presenza policial nas rúas, o narcotráfico seguiu exercendo a súa actividade ilícita nos meses de confinamento en Galicia, tal e como se desprende dos datos sobre infraccións penais no primeiro semestre do 2020 que fixo públicos o Ministerio de Interior. O tráfico de drogas non só seguiu operando na comunidade galega. Fíxoo, en realidade, en toda España. É máis, de xaneiro a xuño, no conxunto do Estado mesmo se produciu un incremento próximo ao 1% no tráfico ilegal de estupefacientes. En Galicia foi lixeiramente maior, un 2,8 % nos tres primeiros meses do ano —coa poboación confinada xa na segunda metade de marzo—, e só baixou un 1,5 % de abril a xuño, nos momentos máis duros do confinamento e na lenta desescalada.

A habilidade dos traficantes para burlar a vixilancia contrasta co significativo descenso doutros delitos que se produciu, tanto en Galicia como no conxunto do Estado español, neste atípico primeiro semestre do ano. O descenso dun 24,8 % de infraccións penais en España, de xaneiro a xuño do 2020, explícao a Secretaría de Estado de Seguridade en «as circunstancias derivadas da entrada en vigor do real decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo covid-19», ao pasarse de 1.069.105 infraccións penais no primeiro semestre do 2019 a 803.609 no mesmo período do 2020.

En Galicia, o descenso foi inferior ao da media estatal, un 17,6 % menos. Pasouse de 38.897 infraccións nos seis primeiros meses do 2019 a 32.055 de xaneiro a xuño do 2020. Pero a diferenza é máis significativa se a comparación se centra nos meses duros da pandemia, de abril a xuño. Nese tempo, a diminución das infraccións en Galicia foi dun 27,4 %, e o descenso foi xeneralizado en todo tipo de delitos, sobre todo, entre os que teñen que ver co patrimonio: os furtos descenderon un 44,4 % e as subtraccións de vehículos, un 45,3 %. Tamén baixaron considerablemente os de carácter sexual: contra a liberdade sexual, un 28,9 %; as agresións sexuais con penetración, un 44,4 %, e outros delitos sexuais, un 25,9?%. Todo iso, a falta de coñecer o impacto que o confinamento, o illamento e a impunidade do agresor derivada desas circunstancias puideron influír no descenso de denuncias.

Menos asasinatos

Neses meses de silencio e recollemento obrigado, baixaron tamén as liortas, as lesións e outro tipo de infraccións. Tamén descenderon os delitos contra a vida, aínda que nese apartado, con variacións segundo trátese dun homicidio ou un asasinato. No primeiro semestre do ano, os homicidios dolosos e asasinatos consumados baixaron en Galicia un 37,5 %, mentres que os homicidios e asasinatos en grao de tentativa subiron un 8,3 %. Pero nos meses do confinamento e a desescalada —é dicir, entre abril e xuño—, produciuse un asasinato consumado no 2020, fronte a catro do 2019. En grao de tentativa —é dicir, cando a vítima sobrevive—, a cifra foi a mesma nos dous anos: cinco casos en Galicia.

Nese tempo non se constatou ningún secuestro, pero tampouco os houbo no 2019.

Ademais de por comunidades autónomas, o informe do Ministerio de Interior dá conta dos datos por provincias, por capitais de provincia e por localidades con máis de 30.000 habitantes. En Galicia, os delitos baixaron en toda as provincias, sobre todo, na da Coruña (19,3 %), seguida de Ourense (17 %), Pontevedra (16,4 %) e Lugo (14,8 %). Por localidades, foi a cidade de Santiago a que rexistrou un descenso maior de infraccións con respecto ao primeiro semestre do 2019 (32,4 %), fronte a Narón , que só baixou un 7,7 % en relación ao mesmo período do ano pasado.

Nalgunhas das cidades das que se publican as estatísticas remitidas pola Garda Civil, a Policía Nacional e a Policía Local ofrécense datos curiosos que contradín as tendencias. É, por exemplo, o caso de Ames , onde aumentaron os roubos de vehículos e, con todo, non se rexistrou ningún delito por tráfico de drogas. En Arteixo tamén se subtraeron máis coches durante o confinamento, e en Carballo , o mesmo que en Culleredo , aumentaron as agresións sexuais. En Narón , en cambio, creceu o tráfico de drogas: de dous operativos realizados no primeiro semestre do 2019 a seis no mesmo período do 2020, coincidindo co estado de alarma e o confinamento. En Oleiros , o silencio resultante da reclusión viuse interrompido varias veces por rifas rueiras, e na provincia de Pontevedra aumentaron os homicidios en grao de tentativa: de seis a sete.