O dispositivo de vixilancia en Santiago chega hoxe á fase crítica cun aumento dos controis

José Manuel Pan
josé manuel pan REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Paco Rodríguez

A cidade está practicamente blindada e todos os vehículos que accedan ao centro urbano terán que estar perfectamente identificados

25 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O dispositivo de seguridade deseñado para o Día de Galicia entrou no que o Goberno identifica como fase crítica, cun incremento considerable da vixilancia policial en toda Galicia, pero en especial en Santiago e en toda a súa contorna. A cidade está practicamente blindada e todos os vehículos que accedan ao centro urbano terán que estar perfectamente identificados. Ademais, desde primeira hora da tarde deste luns está prohibido o acceso de camións e outros vehículos pesados para evitar riscos, entre eles a posibilidade de que se poidan cometer atentados terroristas utilizando vehículos, como ocorreu en varias capitais europeas.

O dispositivo de seguridade acada este martes o seu punto forte, pero veu desenvolvéndose desde os primeiros días deste mes de xullo, segundo explica o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, quen lembra que o plan de vixilancia policial de Santiago foi preparado pola Policía Nacional en coordinación coa Policía Local, para garantir a seguridade das persoas e para dar resposta a calquera tipo de incidencia que poida producirse. Aínda que non detallou o número de axentes que estarán despregados estes días en Santiago e na súa contorna, Villanueva asegurou que a vixilancia non corre a cargo só de policías uniformados, xa que tamén hai un gran número de funcionarios policiais que realizan labores de información e de control de xeito discreto e que se mesturan co resto dos cidadáns e dos turistas que chegan á cidade.

Por motivos de seguridade, hoxe tamén estará prohibido o acceso con mochilas e bolsos de gran tamaño á zona do Obradoiro e á catedral, segundo informan fontes da Delegación do Goberno e do Concello de Santiago.

A Garda Civil estableceu un control especial nos accesos a Santiago e reforzará a vixilancia nas estradas mediante os axentes da Agrupación de Tráfico . O de hoxe é un dos días con maior número de desprazamentos na rede viaria da comunidade.