Incendio en Portugal: os partidos galegos piden «extraer leccións» da catástrofe e actuar máis desde a prevención

GALICIA

Marcos Míguez

O PP pon en valor a «experiencia» do servizo contraincendios, En Marea chama a preparar plans de evacuación de zonas poboadas, mentres PSdeG e BNG piden mellorar a ordenación do monte

19 jun 2017 . Actualizado ás 14:57 h.

Profundo pesar e conmoción polo ocorrido no que, para moitos é, o «país irmán». Todas as forzas políticas do Parlamento galego mostraron este luns a súa solidariedade coas familias de quen perderon a vida no pavoroso incendio de Pedrógãou Grande, e a oposición coincide en pedirlle á Administración galega que «tome nota» para «extraer leccións» porque a situación forestal galega é moi similar á portuguesa e non estariamos exentos de que poida ocorrer algo parecido.

Desde o PP, o grupo que sustenta ao Goberno, o seu portavoz parlamentario, Pedro Puy, considera que unha diferenza fundamental entre Galicia e Portugal é o operativo de extinción. «Temos a confianza», dixo este luns, de que aínda que se produza un incendio desas características e nas mesmas condicións, a «longa experiencia» que ten acumulado o dispositivo galego de extinción «pudese atallar unha desgraza desa dimensión».

Tamén o portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, admitiu que o aparello de extinción, «que consume unha parte importante de recursos públicos», xogue o papel importante que debe xogar, pero non obvia as similitudes entre o marco de fondo de Galicia e Portugal. «E a principal lección que temos que aprender é a da prevención», valorou, para profundar na mellora da ordenación do monte e crear un «mix de especies» que dificulta a «aparición e propagación» do lume.

Luís Villares , portavoz de En Marea, tamén puxo en acento na necesidade de avanzar máis na prevención en Galicia. Fala de promover plans de «continxencia e evacuación» de zonas que poden verse cercadas polas chamas e de ampliar as inspeccións para evitar a reforestación de terras agrarias. Tamén criticou a última reforma normativa da Xunta, a Lei de Montes do 2012, «que reduxo as faixas de seguridade», dixo, ao redor das zonas poboadas dos 100 aos 50 metros, á vez que traslada unha mensaxe equívoca aos incendiarios ao permitir a urbanización de terreos queimados.

Para Olalla Rodil, viceportavoz parlamentaria do BNG, a traxedia de Portugal «ten que facernos reflexionar» e propiciar que o presidente Feijoo tome nota das «causas profundas» deste sinistro, que na súa opinión están no rural abandonado, monte desordenado e improdutivo e o monocultivo do eucalipto. Por esa razón fixo un chamamento a avanzar na ordenación forestal e tendeu a man ao Goberno para acadar un gran pacto de loita contra os incendios.