O PP ofrece a comparecencia da conselleira de Sanidade, pero o PSOE reclama a de Feijoo

Domingos Sampedro / Anxo Paniagua SANTIAGO / VIGO

GALICIA

Álvaro Ballesteros

Rocío Mosquera renderá contas pola posta en marcha do novo hospital de Vigo no pleno do día 15

04 sep 2015 . Actualizado ás 18:13 h.

A mobilización cidadá pasoulle a testemuña á política. No momento en que unha marea humana tomaba onte as rúas de Vigo para reclamar unha sanidade pública e protestar contra a xestión do novo Hospital Álvaro Cunqueiro, o Goberno galego xa rexistrara no Parlamento unha petición de comparecencia da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, para render contas sobre a posta en marcha do novo hospital, un xesto que non acaba de convencer a oposición.

A comparecencia da conselleira, que entrou no rexistro da Cámara o pasado mércores, cando xa se coñecía o falecemento dunha paciente no novo hospital á que lle foi detectada aspergillus, se sustanciaría no primeiro pleno do novo período de sesións, que terá lugar o martes día 15 de setembro, data ata a cal estarán paralizados os traslados de pacientes cara ao novo hospital, tal e como anunciou o Servizo Galego de Saúde.

No entanto, antes mesmo de que se celebre a Xunta de Portavoces que ten que fixar formalmente a comparecencia, o grupo do PSOE xa se adiantou para deixar claro que non lle vale que o Goberno galego e o seu presidente, Alberto Núñez Feijoo, se parapeten detrás «dunha conselleira que xa está amortizada», manifestou este venres o portavoz socialista, José Luis Méndez Romeu.

E é que o PSdeG reaccionou á oferta de comparecencia do PP rexistrando no Parlamento unha petición para que sexa Feijoo o que se suba á tribuna da Cámara para dar as explicacións pertinentes polo seu modelo de xestión sanitaria xa ensaiado en comunidades como a valenciana, «e que é un fracaso», advertiu Méndez. «Feijoo ten que escoitar, corrixir a súa actuación e revertir a privatización» do hospital vigués, resolveu o portavoz do PSdeG.

Mentres, o PP galego tomou nota da manifestación de onte, con máis de cen mil persoas nas rúas de Vigo. Segundo o seu secretario xeral e número dous dos populares galegos, a protesta de onte «hai que tea en conta especialmente» dado o numerosa que foi e que a maioría dos cidadáns «estaban alí de boa fe». Alfonso Rueda mostrouse de acordo co espírito da manifestación. «A Xunta de Galicia está dacordo cos que onte demandaban unha sanidade pública e de calidade», dixo.

Ao mesmo tempo, o vicepresidente da Xunta criticou as «actitudes carroñeiras» dos que usan a «demagoxia». Referíase, sen citalo, ao caso Aspergillus. Unha señora cunha grave enfermidade hepática faleceu na uci cun fallo multiorgánico o mércores. O PSOE difundiu que a señora tiña Aspergillus e que esa podería ter sido a causa da morte. A bóla de neve foi crecendo, a pesar de que os xefes de servizo do Chuvi descartaron que o fungo provocase o falecemento. Pero a bóla estaba formada e Rueda cre que quen a iniciaron «perseguían outros obxectivos» diferentes aos da macromanifestación de onte.

O vicepresidente tamén recoñeceu que hai «cousas que mellorar», pero que o Hospital Álvaro Cunqueiro demostrará co tempo que é un centro de calidade.