A Xunta consolida o horario estival para 11.000 empregados

serafín lorenzo SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Jornada de verano en la Xunta
La Voz

Aplicará a xornada laboral de 6 horas desde o luns ata o 15 de setembro, tras os recortes que impuxo no 2012 e o 2013

09 jun 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

Os anos nos que a tesoira da Xunta recortaba mesmo o período de vixencia do horario laboral de verán dos seus traballadores quedaron atrás. O Executivo de Feijoo comezará a aplicar o martes que vén (día 16) a xornada estival, tal como quedou regulada na orde do 31 de decembro do 2013. Deste xeito, os 11.000 empregados dos servizos centrais de San Caetano e das delegacións provinciais poderán anticipar ou atrasar a incorporación e saída dos seus postos, entre as 8 e as 15 horas, para realizar xornadas de 6 horas continuadas, 90 minutos menos que a ordinaria. Ese horario prolongarase ata o 15 de setembro, co que a Xunta consolida o esquema de tres meses ao que xa retornou o verán pasado, despois dos recortes que impuxo no 2012 e o 2013.

Esta flexibilidade horaria permitirá a eses 11.000 traballadores que realizan funcións administrativas nas dependencias da Xunta dispor de marxe para adiantar ou demorar a súa entrada (na franxa comprendida entre as 8 e as 9 da mañá) e o momento da súa saída (entre as 14 e as 15 horas), sempre que completen as 6 horas de traballo continuadas requiridas. O cambio é substancial respecto da xornada ordinaria, que arrinca ás 7.45 horas e finaliza ás 15.15. Os 11.000 empregados que o resto do ano están nos seus postos durante 7 horas e 30 minutos ao día, realizarán nos tres meses de vixencia do horario estival xornadas laborais de 6 horas.

Coas vacacións escolares

A fórmula, implantada hai anos pola Administración autonómica, favorece que o persoal das súas oficinas poida conciliar mellor o seu traballo coa vida familiar, nun período no que as vacacións escolares provocan máis contratempos. Pero esta adecuación do período de vixencia do horario de verán na Xunta ao tempo de conclusión e inicio do curso escolar truncouse no 2012. Entón, en plena onda de recortes na retribucións e condicións laborais dos empregados públicos, o Goberno autónomo optou por rebaixar os tres meses de duración da xornada continua de 6 horas. Aínda que en principio pretendía reducir a súa aplicación aos meses de xullo e agosto, a presión dun funcionariado en pé de guerra pola diminución de soldos e dereitos levou á Xunta a recortar 15 días. Aquel ano, o horario estival estivo en vigor do 1 de xullo ao 14 de setembro. A volta á normalidade tivo unha etapa de transición no 2013, cando duración da xornada continua de 6 horas sufriu unha diminución de 11 días, e realizouse do 25 de xuño ao 13 de setembro.

A finais do 2013, a Xunta aprobou a orde que fixa o horario estival do 16 de xuño ao 15 de setembro, ambos os incluídos.