O proxecto cuántico do Cesga suma a toda velocidade

GALICIA INNOVA

PACO RODRÍGUEZ

O Centro de Supercomputación de Galicia obtén investimentos para impulsar o que será un polo tecnolóxico de vangarda que aspira a mobilizar 154 millóns con fondos Next GEneration. A capacidade de cálculo marca a diferenza en investigación e empresas

24 may 2022 . Actualizado ás 13:26 h.

O Polo de Tecnoloxías Cuánticas, no que está colaborando o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), acaba de garantirse unha inxección 5,5 millóns de euros coa ampliación do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a institución con sede en Santiago para albergar un simulador de computadores cuánticos e participar no programa formativo talentQ. O obxectivo do Goberno galego é que este polo xere un impulso disruptivo das tecnoloxías e da comunicación para colaborar co tecido investigador e empresarial que poida beneficiarse dunha extraordinaria capacidade de cálculo.

Co incremento orzamentario previsto, a colaboración acadaría xa cos recursos propios os 15 millóns de euros para o despregamento desta infraestrutura, aos que hai que sumar 500.000 euros incluídos no programa Quantum da Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial (ENIA), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O Cesga é un dos centros elixidos para albergar un simulador de computadores cuánticos para pór a disposición da comunidade investigadora equipamento de altas prestacións, así como crear un servizo de acceso remoto e desenvolver librerías de algoritmos cuánticos útiles para a súa aplicación a problemas reais de empresas e entidades públicas.

A este orzamento consolidado para o Polo Tecnolóxico de Galicia hai que sumar outra partida de 1,5 millóns de euros correspondente ao programa de formación de computación cuántica talentQ, que se formalizará mediante un convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Barcelona Supercomputing Center, outro dos referentes en España.

O Finisterrae III

Paralelamente a estes proxectos, no marco do Polo de Tecnoloxías Cuánticas tamén se inclúen os investimentos no novo supercomputador Finisterrae III, apoiado pola Xunta de Galicia e polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) con 7 millóns. Este recurso conta con capacidade para realizar catro mil billóns de operacións matemáticas por segundo.

Ademais, hai outra liña de apoio co Plan complementario de I+D+i en comunicacións cuánticas, no que Galicia contará cun orzamento de 9,6 millóns, dos cales 3,4 millóns saen de fondos propios do Goberno galego. O obxectivo desta iniciativa é construír sinerxías territoriais e establecer prioridades comúns de cara á transformación dixital. Para rematar, conta cunha achega de 280.000 euros do proxecto Neasq, de carácter europeo e que busca o desenvolvemento práctico de aplicacións de computación cuántica dentro do marco comunitario de financiamento Horizonte 2020.

Galicia aspira a contar cun orzamento público-privado estimado en 154 millóns de euros para o desenvolvemento de todas as iniciativas vinculadas a este polo, para o cal será imprescindible obter financiamento dos fondos europeos Next Generation, e así promover esta iniciativa que pretende conseguir avances na transformación dixital que axuden a consolidar a economía. Por iso é polo que a Xunta demande unha colaboración «efectiva» do Goberno central, responsable da selección de proxectos e posterior repartición das partidas.

O Polo de Tecnoloxías Cuánticas quere apoiarse en catro alicerces: no mundo académico, atraendo talento e formando aos profesionais do futuro; nos centros de I+D+i, encargados de xerar novo coñecemento, produtos e servizos baseados nas tecnoloxías cuánticas; no tecido empresarial, ao que se lle dará a oportunidade de traballar co impulso desta ferramenta innovadora; e, en definitiva, traballar coa sociedade, que se beneficiará destas ferramentas.

Lois Orosa, novo director

O Polo Tecnolóxico conta co impulso dun novo director do Cesga, que acaba de cumprir o primeiro trimestre no cargo. Lois Orosa Nogueira (Santiago, 1982) substituíu leste mesmo ano a Mauro Fernández e xa está aplicando o coñecemento adquirido grazas á súa experiencia investigadora internacional, tanto no ámbito da industria como no académico. Orosa realizou proxectos en empresas como IBM (Israel), Xilinx (Irlanda) ou Recore Systems (Países Baixos), e colaborou coas universidades de Illinois, Lisboa ou coa ETH Zúric, de Suíza . Nesta última exercía como investigador ata o seu recente retorno a Galicia, realizando proxectos na área de arquitectura de computadores como tarefas docentes.

Este enxeñeiro de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo propúxose como obxectivo situar o polo como referente na tecnoloxías cuánticas, para o que considera esencial a capacidade económica que achegan os convenios institucionais avalados con fondos europeos para impactar positivamente en diferentes sectores produtivos.

27 anos de cálculos

Orosa chega a un centro cun gran reto no seu horizonte pero tamén cun notable pasado, xa que o Cesga leva facendo cálculo desde hai 27 anos. O salto máis importante da súa relativa curta historia foi o último investimento na capacidade de cómputo, que se multiplicou por doce, o que lle permitiu penetrarse na primeira división mundial do cálculo cuántico e a intelixencia artificial, dúas disciplinas que serán estratéxicas nos próximos anos.

Desde o campus de Santiago están a atenderse as necesidades de investigadores, empresas e proxectos de innovación que buscan unha gran capacidade para resolver operacións. Unha ferramenta tecnolóxica especializada que comezou sendo un valioso recurso para traballos científicos ata prestar servizo ao ámbito financeiro e da ciberseguridad, pasando pola automoción, as fábricas intelixentes ou as pequenas e medianas empresas.