A realidade, sempre poliédrica

Ramón Nicolás

FUGAS

22 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Acóllese a dramaturga, narradora e profesora Celia Díaz á lectura que, de xeito natural, se podería realizar do título As faces do diamante, libro que compila un total de dez relatos independentes e que, nalgúns casos, integran elementos e personaxes que os obrigan a enlazarse entre si. En efecto, planea nesta proposta esa visión que posibilita pensar nas diversas versións que se nos poden ofrecer da mesma realidade asediada de maneira diferente, sempre segundo a perspectiva e os ángulos desde a que a abordemos. Velaí a procura dunha interpretación que, con total seguridade, nunca será nin única nin unívoca; antes ben, os matices que cadaquén poida ir descubrindo han determinar recepcións distintas.

Polo libro, que amosa tanto unha estrutura circular meditada e claramente efectiva como unha prosa coidada dona dun ritmo propio, pululan abalando entre a crueza e tenrura, alén doutras presenzas protagonistas, unha moza rescatada do lixo, un home que fai unha promesa cunhas consecuencias imprevisibles, unha muller de idade que camiña cunhas zapatillas rotas, unha moza que quere fuxir da submisión e do exercicio omnímodo do poder ou unha nena xudía que revela o seu triste horizonte, día a día, no gueto de Varsovia: protagonistas de historias singulares e cheas de forza que, ademais, se caracterizan porque a visión da realidade que se abraza, como se dixo, sempre é diversa.

Unha achega interesante, en fin, ás dimensións que encerra a condición humana, tantas veces contraditoria, a través dá reconstrución ou grazas á concepción dun feixe de vidas condicionadas, todas elas e nun espazo cronolóxico que ocupa oito décadas, por limitacións e obrigas que impoñen vos códigos sociais; pola sucesión de vivencias en espazos opresivos, sexan lestes interiores ou exteriores; polo contraste dás situacións reveladas e por un estado dás cousas que se cuestiona se se quere con sutileza mais con pulso firme e rotundidade.