O cine volve ser cine

Mercedes Corbillón

FUGAS

19 mares 2024 . Actualizado ás 21:38 h.

Non lin A zona de interese de Martin Amis, talvez o faga agora. Din que Jonathan Glazer adaptou a súa historia dun modo moi libre e que quixo convertela en película desde o momento en que leu o argumento. Tampouco lin as memorias que o propio Rudolf Höss escribiu mentres agardaba a súa condena de morte e que, por certo, vin por aí a 190 euros. Si lin A morte é o meu oficio, a novela de Robert Merle que conta a vida do comandante de Auschwitz, o perfecto funcionario que buscaba a eficacia da empresa que lle encomendaron e que se publicou non fai moito por primeira vez en España. De como un home se converte por ambición e obediencia en asasino de masas.

Cando vou ver o filme de Glazer, a sala está medio chea. Ultimamente o cine volve ser cine, hai que facer cola ata chegar ao teu sitio e ás veces alguén moi alto diante de ti, non che deixa ver ben. Un fundido a gris na pantalla dura uns minutos. Ao meu lado, alguén me pregunta se se estragou a cinta. Encóllome de ombros. Enseguida aparece a imaxe. A vida nunha casa con xardín desprégase. Os seus habitantes son louros e parecen felices. As flores crecen e ruben polo muro que circunda a leira. Todo é amable, a primavera morna recréase nos corpos sans, na natureza, que crece esplendorosa a pesar de todo, a pesar do ocaso dos tempos que só se adiviña polo fume de carne e almas que soltan as chemineas un pouco máis aló.

Nunca nos importa que hai un pouco máis aló.

O pai de familia volve a casa ao acabar a xornada. É un home tranquilo, en ocasións leva aos seus nenos a nadar ao río. A nai ocúpase da orde e as rutinas do fogar. É máis recia, ás veces déspota coas súas criadas, cruel cando se proba os abrigos de visón que lle chegan do outro lado, que nunca se ve, pero está aí.

O director non necesita de narrador. A ignominia cóntase soa, somos nós seguindo coa nosa vida sen mirar aos lados. O horror necesita do brazo executor e do silencio.

Aí estamos, fundidos a gris, eternamente estragados.