Dúas soidades que se protexen

Ramón Nicolás

FUGAS

O amigo chega á lingua galega grazas á tradución de Moisés Barcia

08 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A narradora Sigrid Nunez (Nova York, 1951), autora de diversas novelas, profesora e colaboradora de diversos medios de comunicación, responsable dun suxestivo título traducido ao castelán como Siempre Susan. Recuerdos sobre Susan Sontag, chega agora á lingua galega grazas á tradución de Moisés Barcia cunha proposta a medio camiño entre o diario íntimo, o ensaio e a autoficción, ou talvez baixo a aparencia que outorga este último recurso.

Narrada nunha segunda persoa, O amigo diríxese a unha presenza desaparecida como é a dun escritor, amigo da protagonista desde a mocidade, que se suicidou. Os fíos dunha amizade que se mantiña ao longo do tempo son os responsables de que, de maneira inesperada, ela teña que facerse cargo dun gran danés arlequín que o seu amigo adoptara nos seus últimos anos. Unha herdanza inesperada, na realidade dúas soidades que se protexen, pois terá que convivir con el nun pequeno apartamento onde está prohibido vivir con mascotas.

Dun ou doutro xeito, ben patente nesta ficción ou autoficción, no diario ou por veces case dietario que ocupa moitas páxinas, hai un percorrido a través dos traumas que a ausencia deixa na amiga e no can chamado Apolo: un dó compartido, que rescata o pasado para agromar nun presente convertido nunha amizade impensable e conmovedora pois simboliza a prolongación do que xa non é nin está.

Pero hai máis: Sigrid Nunez aglutina, a xeito de excursos, moitos deles irónicos, a descrición dos seus proxectos literarios, as referencias ao seu amigo e á súa promiscuidade, ao que é a vida agora compartida cun ser vivo, ese epítome da devoción, a quen non se lle pode explicar a morte e asemade, reflicte aquilo que se refire ao seu traballo como escritora ou como profesora. É aí onde, por un lado, se reflexiona sobre a mudanza que se dá nas expectativas de converterse en escritor polas persoas que comezan nos talleres de escritura, e por outro, pululan cento e unha anécdotas literarias xunto con numerosas citas que van de Virxinia Woolf a J. R. Ackerley, de Flaubert aos irmáns Grimm, de Balzac a Coetzee, sazonado con reflexións sobre a mercantilización da literatura, o suicidio, o sentido do loito e a perda sen esquecer, como se dixo, esa modulación singular da soidade.