Formación exprés para paliar a falta de persoal en hostalería

Carla Elías Martínez
Carla Elías FERROL

PONTEDEUME

JOSE PARDO

O CIFP Fraga do Eume imparte cursos gratuítos de cociña e servizos

10 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Non é a solución, pero si un parche importante. O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Fraga do Eume de Pontedeume pon en marcha dous cursos exprés co obxectivo de paliar a falta de persoal en hostalería , unha problemática sanguenta no sector na comarca, sobre todo, os meses de verán. Así, máis dunha vintena de persoas en situación de desemprego pasarán dous meses nas aulas do centro eumés que conta con estes cursos por terceiro ano.

O primeiro deles, o de cociña , arrincou esta semana con trece persoas inscritas. E a próxima arrincará a formación de servizos (camareiros) para a que xa hai nove persoas apuntadas, é dicir, que necesitan polo menos outro alumno máis para garantir que se imparte. «Levamos dous anos tendo os AFD, accións para desempregados —subvencionadas pola Xunta—. O primeiro foi de cociña, o pasado de pastelería, e este ano dúas», explica a directora do centro, Fátima Insua. Os cursos que se poñen en marcha en Pontedeume son de nivel básico, con menos horas para que os alumnos poidan ter o seu certificado xa no verán. «Sempre é un plus, unhas horas condensadas formativas para que non empezos a traballar a cegas no sector da hostalería», describe.

E é que a demanda destes postos dispárase na comarca. Os alumnos son principalmente persoas demandantes de emprego de Pontedeume e Ferrol, de idades entre a trintena e os cincuenta. Tamén poden solicitar unha praza quen estea inscrito no antigo Inem como demandante de formación. Insua destaca que estas accións tamén abren unha vía de matriculación para ciclos formativos. «Alguén que teña vindo de fóra e teña unha titulación, fai este básico para poder traballar no verán e se gústalle matricúlase nunha FP media ou superior. Este ano tivemos a media decena de persoas por esta vía».