Ferrol é unha cidade máxica

Ramón Loureiro Calvo
Ramón Loureiro ÚLTIMA BRETAÑA

FERROL CIDADE

11 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Sei que hai quen di que emocionarse ao contemplar, unha vez máis, os lugares que un leva vendo unha vida enteira, é un claro síntoma de que nos estamos deixando arrastrar pola melancolía. Pero a min, a verdade, non mo parece. De feito, estou convencido de que emocionarse ante as paisaxes que han ir dándolle forma, ano tras ano, a nosa propia existencia, tamén é, ademais dun xeito de soñar o futuro, un canto á esperanza. E non entendo por que razón, para apreciar o que temos, necesitamos irnos lonxe, coma se fósemos incapaces de valorar o que nos rodea. A min, e permítanme a confidencia, Ferrol emocionoume sempre. Cando eu era neno, desde o outro lado da ría, as luces de Ferrol, que resplandecían no medio da noite, parecíanme unha inmensa maxia. E agora, conforme o tempo pasa, esa maxia renace ante os meus ollos en cada recuncho da cidade. Mesmo naqueles cos que foi máis cruel o paso do tempo. Ferrol é un lugar marabilloso, situado nunha das costas máis fermosas do mundo. Unha cidade ilustrada, repleta de xente tolerante que ama a arte de conversar, a música, a pintura, os libros, a elegancia e a liberdade. Unha cidade preciosa, na que se reflicte a historia de todo un país.

Ferrol debería ser xa, claro que si, Patrimonio da Humanidade. Porque non se parece a nada. E porque, máis aló dos mapas, se un a contempla cos ollos da alma, ve que é unha cidade tan grande, tan grande, que nunca se acaba.