Ferroláns distinguidos e con bigote sobre dúas rodas

FERROL CIDADE

CEDIDA

Encontro de aficinados ao mundo das motos de Narón, Ferrol e A Coruña

24 may 2022 . Actualizado ás 20:54 h.

Afeccionados ás motos de Narón uníronse por primeira vez o pasado domingo á celebración de evento global denominado Distinguished Gentleman's Ride. Trátase dunha serie de rutas en moto por todo o mundo para concienciar á sociedade acerca da saúde masculina e recadar fondos para a investigación do cancro de próstata e a saúde mental, a través da Fundación Movember. Na comarca, a convocatoria partiu de Ricardo Pereira, compoñente de Golfos Kinkis Vespa Club Ferrol. A pesar do día chuvioso, media ducia de pilotos de Narón, Ferrol e A Coruña vestíronse elegantemente, como corresponde , e subíronse ás súas motos para dar un paseo por Ferrol e Narón, de onde partiu a marcha. O creador deste evento, Mark Hawwa, inspirouse na elegancia cando viu unha foto de Don Draper, da serie Mad Men, vestido de traxe aos mandos dunha moto clásica. A marca Triumph decidiu hai anos apoiar o Distinguished Gentleman ‘s Ride asegurando que «condensa todo o que significa o espírito do motociclismo». Desde os seus inicios, esta iniciativa hase ir estendendo ano tras ano a máis países e cidades do mundo ata converterse nun fenómeno global, que este ano chegou tamén á comarca. Así que, como ocorreu o domingo en Ferrolterra, homes e mulleres de todo o mundo puxéronse aos mandos das súas motos para percorrer as súas cidades e concienciar á sociedade. Aquí en Ferrolterra, Róber, Carlos, Chus, Raúl, Garabullo, Anxos, Basi, Jonatan, Fernando, Lolo e Luisa uníronse ao evento cos seus Vespas, Lambrettas e motos tipo custom, scrambler, clásicas, modernas e antigas. Os participantes confían en que o próximo ano creza o número de integrantes da ruta, e tamén agardan contar con mellor tempo.

  

Xan Xe Corral Paz

Un libro póstumo

O Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene acolleu na tarde do sábado a presentación do libro póstumo da xornalista e escritora fenesa Pitusa Arias, falecida o pasado mes de abril. Trátase da novela gráfica María Casares. Eu son do océano, un obra divulgativa que conta coas ilustracións de Carlos Sardiña e percorre a vida da actriz que foi número uno do teatro en Francia e Europa durante boa parte do século vinte. Esta foi unha das moitas iniciativas para conmemorar o centenario do nacemento da actriz coruñesa, que se complementou o sábado coa presentación do pódcast titulado como o libro de Pitusa Arias. Guionizado por Puri Seixido e con música orixinal de Sofía Oriana Infante, no pódcast dedicado a María Casares participan Vicky Sas; Eugenia Sanmartín, como a muller que coidou a María Casares de pequena; Helga Méndez, como a súa nai; Cristina Mariño, como a súa irmá; Rogelio Arias, como Santiago Casares, o pai, e Cristina Moreira, como María Casares. Nada na Coruña en 1922, a actriz viviu exiliada en Francia tras finalizar a guerra ao ser filla do republicano Santiago Casares Quiroga. Aínda así nunca esqueceu as súas orixes galegas. No acto tamén participaron o alcalde de Fene, JuventinoTrigo , o debuxante Carlos Sardiña, a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz, e a artista Dulce Anca, que incidiron na necesidade de pór en valor a traxectoria de María Casares e resaltaron tamén a contribución de Pitusa Arias á comunicación e o asociacionismo.

CESAR TOIMIL

Combater o estrés

A empresa de lecer educativo e eventos infantís A Guagua quixo preparar ao seu novo persoal para afrontar a intensa campaña de verán, chea de eventos e actividades. Por iso, o pasado venres, todo o equipo participou nun curso de Mindfulness impartido polo instrutor Vicente Sueiras, que dedica a súa vida á práctica desta disciplina desde fai máis de dez anos, ademais da o Pilates e ao deporte consciente desde o Ximnasio BeniGym. A iniciativa do curso partiu da xerente da empresa, Carla Iglesias , tras vivir en primeira persoa as consecuencias do estrés. Por iso propúxose facerlle fronte desde a raíz, formando ao seu propio persoal para combater o estrés e demostrando que non só as megaempresas teñen capacidade para impulsar este tipo de iniciativas baseadas en buscar o benestar dos seus traballadores.