Lixo, pintadas e mobiliario esnaquizado: os danos colaterais do botellón e o abandono no lavadoiro de Insua

b. antón FERROL / LA VOZ

FERROL

A asociación de veciños pide ao Concello que repare os danos e máis civismo e educación aos menores que frecuentan o lugar

22 mares 2024 . Actualizado ás 18:39 h.

O botellón, os actos vandálicos e a falta de mantemento están a causar estragos no lavadoiro de Insua, situado aos pés da rúa Celso Emilio Ferreiro, no barrio ferrolán de Canido. O lixo acumúlase na súa contorna, as pintadas proliferan nos seus muros e o mobiliario urbano presenta múltiples danos desde fai xa moito tempo. Nos últimos días mesmo se puido ver un colector dentro do lavadoiro, rodeado de latas, botellas e outros desperdicios.

O presidente da Asociación Veciñal de Canido, Roberto Taboada, mostrou o seu malestar polo estado no que se atopa tanto a zona verde deste enclave como o propio lavadoiro, que non hai tanto tempo foi pintado por membros da asociación Xeración e veciños do barrio cos seus propios medios.

Por iso, reivindica maior control nas noites das fins de semana, cando os mozos se reúnen en Insua para facer botellón; a substitución dos bancos esnaquizados por outro tipo de mobiliario que invite a visitar esta área de esparexemento con maior frecuencia (no seu día propúxose o seu uso como merendeiro), así como a reparación de todos os danos e o pintando do lavadoiro.

«Isto é como a teoría dos cristais rotos. Se un lugar se vandaliza e non se fai una actuación inmediata para repoñer todo o destrozado, ese lugar vai seguir sendo vandalizado porque transmite unha imaxe abandono absoluto», apunta Taboada, que reivindica ao Concello que actúe tanto no que incumbe á reparación dos danos como ao mantemento e máis educación e civismo por parte dos menores que se reúnen no lugar.