O grupo Seitura 22 ten tres meses para perfilar a estratexia coa que optar aos fondos Leader

A.F.C. ORTIGUEIRA / LA VOZ

FERROL

As cinco mesas sectoriais constituídas esta semana celebrarán distintas reunións

01 abr 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

O grupo de desenvolvemento local (GDR) Seitura 22, integrado polos concellos das comarcas de Ferrolterra, Ortegal e Eume, Vilarmaior (que xa formaba parte de Euroeume) e Miño, dispón de pouco máis de tres meses para perfilar a estratexia coa que optará aos fondos do programa Leader 2014-2020. Na reunión do martes, ademais de constituír a nova entidade e designar unha directiva provisional para este período, creáronse as cinco mesas sectoriais: dinamización sociocomunitaria, sector agroforestal, empresarial e do emprego, benestar social, e turismo, comercio e hostalería. Durante este tempo, ademais de definir os contidos do proxecto para o que aspiran a lograr financiamento, deberán formalizar a súa adhesión os concellos (na acta fundacional figuran 14) e as entidades privadas (o martes asinaron 44) que aínda non o fixeron. O persoal de Costa Noroeste e Euroeume traballa na nova entidade, a través de convenios de colaboración. «Faremos reunións de todas as mesas e por todos os territorios, coa máxima información e a maior participación, de socios e mesmo de estudiosos de distintas áreas. Así o obriga a Unión Europea. Trátase de coñecer as necesidades reais da xente», recalcan fontes do GDR 24.