­A arte de cazar, como nunca

TEXTO: Carlos Pereiro

EXTRAVOZ REDE

Capcom non decepciona e consegue occidentalizar o estilo de xogo sen perder a esencia dunha saga que se gañou a pulso estar entre as máis queridas e respectadas.

02 jul 2018 . Actualizado ás 19:48 h.

O ano comezou forte. E ben. Non sempre se pode dicir, e máis cando na actualidade os xogos das grandes compañas han de ser analizados con lupa. É certo que Monster Hunter World (MHW) non é o típico triplo A. De entrada, un pode aventurar que é un gran xogo, rozando a mestría; pero tamén cabe dicir que non é un título para todo o mundo nin pretende selo. Por que? Simplemente porque o seu estilo de xogo, o xeito na que ha de vivirse, rompe un pouco coa facilidade e a rapidez que reinan no mercado. MHW hai que saborealo aos poucos; é necesario tomarllo con calma, adestrar matando monstros repetidas veces, colleitar pezas, converterse nun verdadeiro cazador. Soa ben, pero moitos xogadores poderían aburrirse ante tal formulación. Unha pena, porque deixarán sobre o andel unha auténtica xoia.

Polo momento, o novo título de Capcom só está dispoñible en PS4 e Xbox One. Sairá para PC, pero a propia compaña ha decidido tomarse un tempo para facelo como Deus manda, e non un simple port que embace tal lanzamento. Faltan uns meses para iso, por iso a comunidade consolera poderá sentirse por un tempo privilexiada. Xogar a MHW o é. Ou polo menos é a sensación que transmite o poder vencer e cazar esas enormes criaturas que o xogo propón. Escoitar o sobresaliente traballo de dobraxe ao castelán e o notar que a terra que o personaxe pisa está viva, con sorpresas a cada paso.

É un Monster Hunter puro. Que quere dicir iso? Un xogo de acción con grandes elementos de rol e no que os combates épicos estarán á orde do día. As recompensas virarán ao redor de materiais cos que forxar mellores armas e armaduras coas que derrotar a monstros aínda máis grandes e poderosos. Isto é MHW, e un ha de entendelo desde o principio; porque realmente non hai moito máis. Por iso o aviso anterior de que talvez non guste a todo o mundo. Non é un título profundo, cunha historia abafadora, con personaxes carismáticos ou heroes dispostos a dalo todo. Aquí todo é cazar ou ser cazado mediante un sistema divertido, adictivo e realmente traballado.

As posibilidades para as cacerías son moitas, a variedade de armas ampla e o motor gráfico un dos mellores vividos en consola. Un dos xogos do ano? Sin duda.