O PP, outra vez a mellor porcentaxe de Galicia

Miguel Cabana
MIGUEL CABANA LUGO / LA VOZ

ELECCIÓNS GALEGAS 18F

Óscar Cela

O PSOE baixou a pesar de Besteiro e de sacrificar á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez

19 feb 2024 . Actualizado ás 11:37 h.

A provincia de Lugo volveu ser a que cultivou a maior porcentaxe de voto para o PP das catro galegas. Un 53,4 % dos votos foron a parar á candidatura de Rueda , cuxa lista na provincia encabezou Elena Candia. Unha porcentaxe máis elevada que Ourense e moito máis que A Coruña e Pontevedra.

A participación na provincia subiu un 21,5 % (comparando cos datos do voto exterior) e, por iso, os tres partidos en liza tiveron máis votos. Pero en porcentaxe, o PP cedeu o 1,24 % e o BNG subiu 3,6 %, o que fixo que os nacionalistas gañasen un deputado á conta dos populares.

O PSOE tamén baixou lixeiramente (0,22 %), pero na provincia de Lugo foi onde sufriu a caída menos estrepitosa das catro provincias. Non lle serviu nin a presenza do moi coñecido candidato Besteiro, que foi oito anos presidente da Deputación, nin ter sacrificado á alcaldesa da cidade de Lugo, Lara Méndez, para levala no segundo posto da lista.

A cidade de Lugo foi o único lugar onde o PSOE tivo unha simbólica subida de sufraxios do 0,61 %, pero como o BNG subiu un 3,5 %, os nacionalistas afianzaron a súa segunda posición e incrementaron a diferenza con respecto ao PSOE. Hai que lembrar que nas municipais as cifras intercámbianse: o PSOE é a segunda forza e o Bloque, a terceira.

Nas grandes localidades da provincia non houbo excepcións con respecto ao resultado xeral. O BNG creceu en Monforte, en Vilalba ou en Viveiro, mentres o PSOE baixou en todos estes municipios a pesar de que os goberna. Onde menos creceron os resultados do Bloque foi nos municipios da Mariña, e mesmo baixaron lixeiramente nalgúns como Burela, Barreiros, Cervo ou Xove. En Sarria, o municipio natal de Ana Pontón, onde goberna unha coalición de independentes e onde ela se fixo a foto de arranque de campaña, o Bloque creceu un 3,7 %, o mesmo que na provincia.

Todas as demais forzas políticas quedaron en cifras simbólicas, por baixo dos mil votos. Excepto Vox, que acadou os 3.334, aínda que tamén caeu un cuarto de punto en porcentaxe e tivo mesmo menos papeletas que fai catro anos.

A noite electoral foi de longo festexo na sede lucense do PP, capitaneada por Elena Candia, para celebrar os bos resultados cultivados. Tamén houbo celebración no BNG. Aínda que moderada, por non ter podido conseguir a coalición de goberno. A cabeza de lista pola provincia celebrouno en Santiago, coa cúpula do Bloque. Non se celebrou no partido socialista. De feito, nin sequera houbo foto dos líderes provinciais do PSOE para os medios.

Un mapa provincial azul excepto os tres históricos da «montaña vermella»

Exactamente igual que no 2020, o PP foi o partido máis votado en todos os municipios da provincia excepto nos tres históricos, onde gaña o PSOE desde hai anos. Coñécella como a montaña vermella, porque todos están na cordilleira oriental.

O máis grande é Pedrafita do Cebreiro, con case mil habitantes, onde goberna un alcalde socialista desde hai décadas. Outro é un municipio tamén da montaña oriental, pero máis ao norte, Ribeira de Piquín, con 500 habitantes e un alcalde novo. E o terceiro onde gañou outra vez o PSOE foi Negueira de Muñiz, un pequeno municipio limítrofe con Asturias, no que votan menos de 200 persoas e por iso fano con voto directo. O único de Galicia.

O BNG ten dous alcaldes na provincia, en Muras e Pobra de Brollón, pero en ningún viuse reflectida a subida xeral dos nacionalistas, xa que o PP foi o máis votado, con cifras similares ao 2020.