A OCDE súmase aos críticos da reforma das pensións de Escrivá

Ana Balseiro
ana balseiro MADRID / LA VOZ

ECONOMÍA

ROI FERNÁNDEZ

Alerta de que só cubrirá parcialmente o gasto e de que engordará o déficit

13 dic 2023 . Actualizado ás 18:12 h.

O club dos países máis desenvolvidos, a OCDE, sumouse este mércores ás críticas que outras institucións —como o Banco de España ou a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF)— fixeron xa sobre a insuficiencia da reforma do sistema público de pensións deseñada polo xa exministro de Seguridade Social, José Luis Escrivá.

A reforma, que viu a luz en dúas fases a pasada lexislatura como un dos compromisos pactados polo Goberno con Bruxelas a cambio dos fondos europeos pospandemia, debía garantir a sustentabilidade do sistema cando este avanza á súa fase de maior tensión financeira: a xubilación da xeración do baby boom, a máis numerosa da historia, que este ano comezou a retirarse e que incrementará a súa presión nas próximas dúas décadas. Para absorber tal impacto, Escrivá puxo o foco en mellorar a previsión de ingresos, vía recargas nas cotas sociais, como o mecanismo de equidad intergeneracional (MEI) ou ampliando o período de cotización tomado para calcular a prestación, por exemplo. Con todo, a OCDE non cre que o feito teña sido suficiente.

Tanto é así, que no seu informe anual sobre pensións, realizado sobre as proxeccións financeiras da AIReF sobre o impacto da reforma, aféalle ao Goberno ter desaproveitado a oportunidade de facer unha transformación ambiciosa e incorporar, por exemplo, toda a vida laboral do traballador para o cálculo da pensión dos novos xubilados, en liña co que fan a maioría dos países máis desenvolvidos. «En lugar de introducir un cambio significativo neste ámbito, España optou por unha pequena ampliación e un longo período de transición con impactos pouco claros», apunta a OCDE respecto da ampliación do período de cotización a 29 anos —excluíndo os dous peores—, que convivirá durante do décadas co sistema actual (desde o ano pasado tómanse os últimos 25 anos, fronte aos 15 que se aplicaban antes da reforma de 2013), permitindo escoller ao traballador o que máis lle beneficie.

«A gran maioría dos países da OCDE teñen en conta os salarios de toda a carreira para o cálculo das prestacións da pensión», indica o documento, que sitúa a España como o quinto país que menos anos utiliza para calcular a pensión, do grupo integrado por Colombia , Costa Rica, Francia, Portugal, Eslovenia e Estados Unidos, que aínda empregan unha parte e non a totalidade da carreira laboral.

O organismo advirte, ademais, de que o feito de que a reforma permita escoller ata o 2044 o período de cálculo máis beneficioso para o traballador, «significa que o cambio só pode aumentar beneficios e gastos».

Tamén elevará o desembolso da Seguridade Social (agora do 12,3 % do PIB, superior ao 8,9 % da OCDE e ao 8,5 % da UE) a volta á revalorización das pensións coa inflación, elevar máis as máis modestas e o aumento do complemento por maternidade.

Os números da OCDE mostran que os gastos crecerá «rapidamente ata o 2049», concretamente un 2,4 % do PIB ao ano, mentres que os ingresos o farán pouco menos da metade, un 1,3 %. A tradución práctica é que as medidas deseñadas polo equipo de Escrivá para aumentar os ingresos do sistema «só cubrirán parcialmente os crecentes gastos». É dicir, que o desfasamento entre ingresos e gastos provocará un aumento do déficit do 1,1 % do PIB no 2050, tal e como sinala a AIReF.

A AIReF di que o plan de reequlibrio orzamentario non se axusta á lei

A. ESTRADA

Madrid | Colpisa

A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) volveulle a sacar as cores ao Ministerio de Facenda e ao Goberno. Un día despois de que o Consello de Ministros aprobará un límite de gasto marca para o 2024 e un plan de reequilibrio para corrixir o déficit estrutural no que se incorreu —unha obrigación establecida na Lei de Estabilidade Orzamentaria—, a AIReF sinala que ese plan non cumpre co que esixe a lei e que non inclúe medidas que sustenten a redución do déficit que prevé o Goberno ata o 2026.

De feito, denuncia que o plan de reequilibrio non incorpora —e debería— previsións tendenciales de ingresos e gastos, a descrición e calendario das medidas a adoptar para cumprir os obxectivos e as previsións das variables económicas e fiscais, os supostos nos que se basean e unha análise de sensibilidade.