As furgonetas de pasaxeiros de Peugeot, Citroën e Opel só serán eléctricas

La Voz REDACCIÓN / AXENCIAS

ECONOMÍA

cedida

A Citroën ë-Berlingo, que se fabrica en Vigo, dispón dunha autonomía de 280 kms cunha recarga do 80 % en 30 minutos

11 ene 2022 . Actualizado ás 00:07 h.

Peugeot, Citroën e Opel decidiron que as versións de pasaxeiros das súas furgonetas máis coñecidas (Rifter, Berlingo ou Combo) só se comercializarán a partir deste ano 2022 con motor eléctrico de 136 CV.

Segundo comunicaron hoxe as tres marcas por separado, esta decisión tómase dentro da estratexia de electrificación de gama na que está sumida o Grupo Stellantis (ao que pertencen marcas como Peugeot, Citroën, Opel, DS, Alfa Romeo, Fiat ou Jeep).

No caso de Peugeot, a partir deste mes, en Europa, a súa gama de vehículos para transporte de pasaxeiros -formada polo compacto Rifter e o mediano Traveller/Expert Combi- só se venderá con propulsión eléctrica, segundo Efe. Con capacidade para 5 ou ata 7 pasaxeiros, o Peugeot e-Rifter monta unha batería de ións de litio de 50 kWh que permite unha autonomía de 280 kms (segundo o ciclo WLTP). O Peugeot e-Traveller ofrécese en tres lonxitudes de carrocería, con dúas opcións de baterías (de 50 ou 75 kWh). Pode transportar ata 9 persoas cunha autonomía de ata 330 kms (batería de 75 kWh, ciclo WLTP).

A tamén francesa Citroën adopta a mesma estratexia comercial para os seus modelos Berlingo ou SpaceTourer, que só poderán adquirirse en versión cero emisións. A Citroën ë-Berlingo, que se fabrica na factoría de Stellantis en Vigo , está dispoñible en dúas tallas, pode acoller ata 7 persoas e a autonomía que ofrece é de ata 280 kms coa batería de 50 kWh (pódese recargar nun 80 % en 30 minutos nunha toma pública de carga rápida de ata 100 kw e nunhas 7 horas en casa nun punto de 7,4 kw). A Citroën ë-SpaceTourer é un monovolume que dispón de tres lonxitudes e conta con dous niveis de autonomía: case 230 kms (coa batería de 50 kWh) e ata 330 kms (coa de 75 kWh).

Finalmente, os clientes de Opel xa poden pedir en versión eléctrica os Combo Life, Vivaro Combi e Zafira Life. O fabricante alemán fixouse para o 2028 vender só vehículos de batería en Europa. Coa batería de 50 kWh, o Combo-e-Life acada unha autonomía de ata 280 kms .

No Opel Zafira-e Life o cliente pode elixir entre a 50 kWh (autonomía de 230 quilómetros) ou a batería de 75 kWh (ata 330 quilómetros), que as poden combinar con tres lonxitudes diferentes con capacidade para ata nove persoas.