PSA mandará a casa os venres a 400 empregados durante un ano pola caída de produción

Luis Carlos Llera Llorente
Luis Carlos llera VIGO / LA VOZ

ECONOMÍA

PSA

Dous modelos para Turquía e África non teñen o éxito agardado

04 dic 2018 . Actualizado ás 18:18 h.

A fábrica de PSA   Peugeot Citroën en Vigo aprobou un expediente de regulación temporal de emprego que afectará como máximo a 400 traballadores durante 50 días desde o 10 de decembro ata finais do 2019. O motivo é a diminución da demanda dos modelos Peugeot 301 e Citroën C-Elysée. Os afectados iranse a casa os venres. O Servizo Público de Emprego pagaralles o 70 % do soldo desa xornada e a empresa outro 10 %.

O ERTE, que foi apoiado polo Sindicato Independente de Traballadores (SIT) e UGT, que representan ao 75 % dos traballadores, supón a supresión dun das dúas quendas da liña de produción 1, a que ensambla os modelos que están a ter menos éxito debido á crise nos mercados aos que van destinados: Turquía e norte de África.

Os traballadores que acepten traballar só a fin de semana terán unha compensación de 2.000 euros. A cambio de asinar o ERTE os sindicatos lograron que a empresa faga indefinidos a 140 empregados neste próximo ano. Ademais, outros 130 que están a tempo parcial pasarán a ter contrato fixo. Destes, 50 conseguirano este ano e o resto, a finais do 2019, cando a liña 1 comece a recuperar produción coa entrada do novo modelo, un SUV denominado na xerga interna V-20.

O acordo non afectará as vacacións nin ás primas. Estableceuse un calendario provisional de días que deberán ser confirmados por unha comisión de seguimento á que pertencen membros da dirección e representantes dos sindicatos asinantes.

O responsable do SIT-FSI e presidente do comité de PSA Vigo, Juan José Muñoz, sinalou que a empresa cedeu ante varias demandas dos sindicatos, por exemplo facer 40 fixos máis dos 100 que se previron. Pola súa banda, Ana Belén Valiño, de UGT, destacou que quedan excluídos do ERTE os traballadores a tempo parcial e os eventuais. Tamén os de máis idade.

Entre os críticos, Víctor Mariño, de CUT, dixo que están analizando xuridicamente os termos da regulación de emprego, por se cumpre coa legalidade vixente. Santiago García, de CC. OO., tamén criticou a medida, xa que «moitos traballadores -di- veranse afectados por culpa desta decisión por parte da empresa».

Na mesma liña, un representante da CIG, Manuel Domínguez, indicou que o ERTE «está penalizando aos traballadores».

Mentres, a dirección de PSA Vigo valorou o «ton construtivo» que imperou durante a negociación do expediente para o período de transición que agora se abre na liña 1 ata a fabricación en serie dos V-20, que será a finais do 2019.

General Motors pechará sete fábricas e recortará o 15 % do persoal

O xigante da automoción General Motors (GM) anunciou onte un plan de reestruturación que inclúe o peche de sete factorías en todo o mundo. Entre estas atópanse dúas plantas de montaxe nos Estados Unidos (Detroit e Lordstown), outra no Canadá (Oshawa) e dúas máis en países que de momento non concretou. Ademais das fábricas de coches, o grupo engadiu que tamén clausurará dúas plantas de produción de motores en EE. UU. (en Baltimore e Warren). Peches que se suman ao xa anunciado en Corea do Sur.

A empresa non precisou o número de traballadores que perderán os seus empregos, pero destacou que o obxectivo final pasa por reducir o persoal nun 15 %, cifra na que se inclúe un recorte do 25 % na estrutura de cargos directivos, «para axilizar a toma de decisións». As medidas, segundo o grupo, forman parte dun proceso de «transformación para o futuro» co que pretenden conseguir un aforro de 6.000 millóns de dólares.