Inditex chega a 110.000 millóns en bolsa, cifra que ningunha firma española conseguira

Sofía Vázquez
Sofía Vázquez REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

FUCO REI

Os títulos da multinacional galega, en máximos históricos

26 abr 2017 . Actualizado ás 07:25 h.

Inditex volveu a romper o seu teito. Ha catapultado o valor das súas accións ata situar a súa capitalización nos 110.000 millóns de euros, cifra que ningunha empresa española acadara antes. Os títulos da multinacional están en máximos: onte pecharon a 35,15 euros, aínda que chegaron a situarse a 35,19, superando esa histórica barreira, que é dúas veces o PIB galego.

Segundo Morgan Stanley, o valor estimado pode situarse nos 38 euros por acción. A mesma aposta fana Raymond James e Citigroup Investment, mentres que Kepler Chevreux sitúa o prezo obxectivo en 37,50.

Se as expectativas se cumpren, a compaña aínda ten percorrido, aínda que hai quen advirte que existen incertezas importantes -políticas e económicas- que lle poden afectar tanto a Inditex como a outros valores. É a opinión de Iván Sanfélix, de Renda 4, quen subliña que nas últimas semanas a multinacional superou o prezo obxectivo de 34 euros por acción. Considera que quedan por despexarse incertezas sobre os tipos de interese, os riscos con Grecia e as políticas que quere levar o presidente dos Estados Unidos.

Pola súa banda, Álvaro Arístegui, de Aforro Corporación, deixa claro que «Inditex é a mellor empresa que se creou en toda a historia de España», e ao tempo lembra que, se o ano pasado os seus resultados puideron verse afectados polo chamado «efecto divisa», é previsible que durante este exercicio o cambio das moedas repercuta nela menos. Tamén considera que a compaña está favorecida polo movemento alcista que están vivindo os mercados e pola previsión de resultados superiores. «Pero en bolsa todo ten un prezo», di o analista para subliñar seguidamente que, ao seu xuízo, esas boas perspectivas xa están incluídas no prezo da acción.

Desde Andbank, Fernando Hernández, conclúe que a compaña está en máximos históricos tanto pola súa boa evolución como pola propia marcha dos mercados. Lembra que hai un ano e medio o valor non se movía demasiado, entendendo que logrou un nivel de consolidación. Inditex, di, segue demostrando que é eficiente e con capacidade para xerar caixa, o que «xa se está pagando» no prezo da acción. Hernández apunta que a compaña é como un bucle: acada niveis que parece que non vai superar e de súpeto se reinventa e volve situarse en bolsa.

Unha das fortalezas de Inditex é a proxección da súa canle de vendas a través de Internet, o que favorece que non teña a necesidade de abrir tendas físicas para dar servizo ao mercado.