A crise do sector lácteo arrastra a unha caída a toda a economía rural

Mario Beramendi Álvarez
Mario Beramendi SANTIAGO | LA VOZ

ECONOMÍA

MARCOS MÍGUEZ

A produción do sector primario descende por vez primeira en 15 meses

07 jul 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

Por vez primeira nos cinco últimos trimestres, a achega do sector primario ao produto interior bruto (PIB) de Galicia rexistrou números negativos. Entre xaneiro e marzo deste ano, a actividade contabilizou unha caída interanual do 0,9 %, máis do dobre que a industria, sendo un dos poucos sectores coas luces vermellas acesas. Esta é a consecuencia directa da grave crise de prezos que atravesa a produción láctea, o alicerce que sostén moitas das economías nas comarcas do rural. No primeiro elo da cadea, as dez mil explotacións, nas que hai 26.000 postos de traballo directos. Pero hai que sumar outros 45.000 indirectos: empresas de servizos, veterinarios, técnicos agrícolas, negocios de maquinaria, fertilizantes e fitosanitarios e, sobre todo, empresas de pensos e alimentación do gando. Da saúde do sector lácteo dependen tamén o comercio e a hostalería de moitas vilas galegas.

Todas as alarmas se acenderon. O escenario internacional de maior produción e menores prezos arrastrou á baixa as cotizacións no campo galego, pero en moita maior medida do agardado. Hai unhas mil explotacións, o 10 % do total, con prezos entre 0,18 e 0,20 euros o litro. Tal é a situación que alcaldes e cooperativas lanzaron unha mensaxe de auxilio. E, onte mesmo, impulsada polos tres sindicatos agrarias (UU.AA., SLG e Asaja Galicia) nacía a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, iniciativa que conta con representantes políticos, sociais e empresariais e outros colectivos, como a Organización de Produtores Lácteos (OPL), que agrupa a granxas de Santa Comba, ou a Federación Rural Galega (Fruga).

A plataforma aprobou onte unha moción na que esixe á Xunta e ao Goberno determinar a ilegalidade de todos os contratos asinados baixo presión das industrias; reforzar o poder negociador dos gandeiros establecendo unha arbitraxe; garantir a recollida; unificar os criterios autonómicos para evitar a venda a perdas da distribución e axudar ás granxas a que utilicen a superficie agraria abandonada para reducir custos.