Acondicionarán un tramo viario na contorna do mosteiro de Dozón

La Voz LALÍN / LA VOZ

DOZÓN

Cedida

30 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A contorna do mosteiro románico de San Pedro de Vilanova, en Dozón, contará cunha mellora na mobilidade cunha actuación na estrada provincial EP-6107 Diz-Bidueiros-Amedo. A deputada de Infraestruturas Públicas, Isabel Couselo, visitou onte a zona onde se acometerán os traballos acompañada polo alcalde de Dozón, Adolfo Campos.

A actuación, a que está a redactar xa o proxecto o servizo de Infraestruturas da Deputación, afectará a uns douscentos metros do viario. Incluirá a mellora do pavimento na contorna do monumento, así como a canalización das augas pluviais. O rexedor demandara estes traballos á institución provincial. As obras permitirán así mesmo embelecer a contorna do cenobio, ademais da mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria.

O proxecto que está previsto executar inclúe un novo pavimentado nese tramo con formigón lavado, delimitado nas marxes por laxas rectangulares de granito, que se integrarán no camiño de titularidade municipal que discorre perpendicular á EP-6107 frontes ao mosteiro. Haberá traballos de drenaxe do chan e crearase unha cuneta remontable de seguridade para conducir as augas pluviais, incrementándose tamén a espazo peonil.

Bonificación do IBI

Sen deixar a actualidade de Dozón, hoxe será o último día para que os interesados poidan solicitar a bonificación do IBI para as construcións vinculadas a explotacións agrícolas ou gandeiras en activo no municipio.