A Estrada ofertará en Toedo terreos para grandes demandantes de chan

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

A Estrada

cedida

A ampliación do polígono combinará parcelas pequenas con outras enormes

14 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A ampliación do polígono industrial de Toedo (A Estrada) empeza a tomar forma sobre o papel. A empresa Monteoliva é a encargada da redacción do plan estructurante de ordenación e do proxecto de urbanización. Os técnicos da empresa reuníronse este mércores na Estrada con responsables de Xestur, do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e do Concello da Estrada para definir a ordenación da nova superficie industrial

Unha das decisións máis importantes que se tomaron na reunión afecta á delimitación das novas parcelas industriais, que ocuparán unha superficie de 160.000 metros cadrados de terrea fronte ao polígono actual, alén da estrada PO-841. Segundo explica o alcalde estradense, José López, o IGVS detectou un incremento da demanda de parcelas de gran tamaño, que en Galicia escasean. «A maioría dos polígonos non teñen parcelas de grandes dimensións porque os terreos adoitan segregarse en parcelas de 2.000, 3.000 ou 4.000 metros cadrados. Pero hai industrias que necesitan 50.000. Coa chegada da autovía á Estrada se ademais ofertamos esas parcelas de gran tamaño que escasean noutras zonas podemos atraer a esas grandes empresas que poden xerar moitos postos de traballo no municipio. Será algo diferencial», explica López.

No marco desta estratexia, o proxecto de ampliación do polígono dividirá a nova superficie industrial en dúas metades. Unha delas se parcelará conforme ao sistema habitual, xerando parcelas de 2.000 ou 3.000 metros cadrados pensadas para atender as necesidades das pequenas e medianas empresas. Os outros 80.000 metros cadrados deixaranse nunha parcela única planificada para poder ser dividida comodamente en dúas se as necesidades o requiren.

«Se en tres ou catro anos esgotásese a superficie dispoñible para pemes e non houbese demanda para a gran parcela, poderíase desenvolver. Vaise deixar proxectado un posible viario para poder reparcelar a futuro se é necesario. Xa se deixará predeterminado para que haxa flexibilidade no uso destes terreos segundo as necesidades», explica o alcalde.

Na reunión tamén se expuxeron as necesidades de reforzo das redes municipais de abastecemento e saneamento para dar servizo á ampliación do polígono, que tamén precisará o reforzo das redes eléctricas e de telecomunicacións.

A empresa Monteoliva iniciará proximamente os estudos topográficos e geotécnicos sobre o terreo, polo que terá que entrar nas parcelas afectadas. Por esta razón pediu ao Concello que llo comunique por escrito aos propietarios.

O Concello agarda poder ter listo o plan estructurante de ordenación e o proxecto de urbanización —con todos os informes pertinentes— na primavera do ano 2025 para empezar a executar as obras ese mesmo ano.

A Xunta ten previsto licitar durante este ano o proxecto de expropiación dos terreos necesarios para a ampliación do polígono. Os orzamentos da Xunta para este ano reservan 400.000 euros para a redacción do plan estructurante e o proxecto de urbanización (adxudicados a Monteoliva por 128.000 euros máis IVE) e para o proxecto de expropiación.