Atracón de partidos para o Balonmán Lalín na súa despedida como local

d. c. LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

20 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O Balonmán Lalín xogará esta fin de semana dous partidos seguidos. Ambos de liga, a antepenúltima e a penúltima xornada. O primeiro será hoxe a partir das 19.00 horas contra o Bueu e o segundo o domingo ás 18.00 horas no Area, leste será o último encontro como locais esta tempada.

Este atracón elixírono os lalinenses, que decidiron adiantar a xornada 29 porque a fin de semana que vén casa o gardameta Iago. «Ao non xogarnos nada preferimos adiantalo para ter libre ese fin de semana. A intención era poñelo o venres, pero o Carballal non podía porque había xogadores con compromisos laborais. Entón decidimos que fora o domingo. Será un finde máis duro do normal, pero a ocasión o merece», explicou Cacheda.

A nivel clasificatorio o partido non ten ningunha relevancia, xa que o Balonmán Lalín chega ao tramo final da tempada sen risco de descenso e sen opcións de ascenso. Ocupan a undécima praza con 24 puntos, en terra de ninguén. Tampouco se xogan nada Carballal e Bueu. Con todo, Pablo Cacheda quere que o club remate a campaña dándolle unha alegría aos afeccionados e pondo fin a unha serie de dúas derrotas consecutivas. A boa noticia para os dezáns é o regreso de Román á convocatoria.

Presenza de xuvenís

Outra boa nova é que a semana foi tranquila para o Lalín. O seu adestrador asegurou que puideron completar bos adestramentos e con xente suficiente «algo excepcional», sinalou Cacheda. Contaron no primeiro equipo con ata seis xogadores do xuvenil. Aínda que non todos xogarán, o técnico advertiu que haberá unha convocatoria diferente para cada partido.