Ulloa Viva anima a alegar ao proxecto de Altri e organizan unha camiñada o 21 en Agolada

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

16 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A plataforma Ulloa Viva, ademais do Sindicato Labrego (SLG), animaron onte a alegar contra o proxecto da celulosa de Altri en Palas de Rei. Ademais, reclaman á Xunta que se amplíe o prazo en quince días máis para facelo. O colectivo insistiu en que o proxecto Gama suporá «un desastre ambiental, económico e social» para A Ulloa, Deza, Terra de Melide e Arzúa, así como para o sector pesqueiro e marisqueiro da ría de Arousa. Insisten en que levarán o seu rexeitamento ao proxecto ata onde faga falta, como as institucións do Estado ou a propia Unión Europea.

Pola súa banda, Agolada Viva organizará este domingo, día 21, unha camiñada informativa sobre Altri. Partirá de Ponche Agra ata o club náutico de Brocos. Ás 10.30 horas sairase en bus de Brocos ao momento de saída en Ponche Agra, para iniciar os seis quilómetros de ruta ás 11.00. Para usar o bus hai que anotarse no teléfono 986 788 063 do Concello.