O billete á fase nacional xuvenil de balonmán xógase en Lalín

David Cofán Mazás
David Cofán LALÍN / LA VOZ

DEZA

d. c.

O Area acolle o sector autonómico masculino e feminino coa presenza do UPI Informática Lalín como único representante dezán

12 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Lalín, localidade balonmanística por excelencia, acollerá un novo torneo a nivel autonómico. Neste caso será a final a catro do sector xuvenil tanto masculino como feminino, reunindo no Area ás grandes promesas do balonmán galego. A cita, que se desenvolverá o sábado e o domingo, terá como representante dezán ao Upi Informática Balonmán Lalín, de categoría masculina, que buscará un billete para xogar a fase estatal como sucedeu hai dous anos.

O torneo presentouse no consistorio lalinense coa presenza do edil de Deportes, Avelino Souto, o responsable da área técnica masculina da Federación Galega Balonmánde , Rubén González, o delegado provincial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides e Berta González e Pablo Cacheda en representación do Balonmán Lalín. Ademais, poboaron a sala de prensa os xuvenís, grandes protagonistas dunha fin de semana que podería ser histórico para unha xeración prometedora.

Berta González, directiva do club, asegurou que a entidade traballou con esmero para que Lalín fose sede da final e que os xogadores compitan en casa. Tamén se acordou do seu técnico, Pachi, que terá a oportunidade de vivir in situ unha fase final despois de perderse a última no 2022 disputada en Alcobendas. Pablo Cacheda, que ademais de adestrar ao primeiro equipo coordina a base do club, recoñeceu o traballo do persoal «despois dunha temporada difícil na que teñen que competir, responder academicamente e incluso axudar ao primeiro equipo».

Asegurou que esta é o mellor xeito «de pechar a súa etapa de base» e insistiu en que a cita en Lalín «é o mellor que se pode traer a nivel galego e de base». O UPI Informática competirá en semifinais (sábado, 18.00 horas) contra o Carballal. Berta González lembrou que na liga regular perderon os dous partidos contra o conxunto vigués, aínda que a tempada estivo marcada polas lesións e os compromisos dalgúns xogadores co primeiro equipo.

Esta vez a historia é distinta, sendo posible o regreso ás pistas de Pablo López, lesionado dun nocello. Argumentos que animan a ser optimista nun sector que continuará o domingo co terceiro e cuarto posto ás 12.30 e a final ás 18.30 horas.

Ademais, no cadro feminino competirán o BM Cangas, que se medirá ao Rasoeiro (10.30), e o Atlético Guardés, que xogará contra o Sar (12.30). O terceiro e cuarto posto será ás 10.30 e a final ás 16.30 horas.

Doutra banda, Avelino Souto lembrou que os infantís xa estaban clasificados para o Nacional, eloxiando o gran traballo do club nestas categorías. Rubén González indicou que Lalín é «garantía de tranquilidade porque sabemos que será un éxito de participación e organización» e felicitou ao equipo polos constantes éxitos. Finalmente, Benavides destacou a importancia deste deporte na localidade.