O Estradense ten o «play off» máis preto que o descenso tras dous triunfos

La Voz A Estrada / LA VOZ

DEZA

JESÚS FIGUEROA-CD ESTRADENSE

02 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

As matemáticas non amenten. O Estradense, despois de dúas vitorias consecutivas, está situado máis preto dos postos de fase de ascenso que do descenso. A vitoria ante o Alondras coloca ao equipo adestrado por David Páez a cinco puntos do play off e a seis da relegación. Aínda que é certo que segue sendo unha clasificación complicada e que nun mal día poden meterse de novo ao fondo da táboa, tamén o é que con outra serie positiva chamarían á porta da fase de ascenso.

Neste sentido, Páez restou importancia a esa posibilidade e centrou toda a atención no próximo partido ante o Somozas. «O que temos que facer é pensar no seguinte partido, cantos máis puntos mellor, pero pensamos no Somozas e imos partido a partido. Desperdiciamos bastantes puntos ao inicio da liga e agora temos que aproveitar esta dinámica boa, recuperar xente. Unha vez que consigamos a salvación, que vamos no bo camiño, seremos os máis ambiciosos, pero hai que ter os pés no chan», advertiu o adestrador, quen á súa vez eloxiou o traballo dos seus dentro e fóra do vestiario.

«O equipo tivo una dinámica inicial mala, pero agora estamos nunha boa. Levamos moitas xornadas competindo moi ben e o equipo indo a máis. Estou moi contento con eles», asegurou o adestrador tras a vitoria por 2-0 ante o Alondras.