O BNG presentará mocións de rexeitamento a Altri en todos os concellos da comarca

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

02 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O BNG anunciou onte que presentará mocións en todos os concellos da comarca para pedir apoio ao rexeitamento ao proxecto de Altri en Palas de Rei. Fano, di, en solidariedade cos veciños da zona directamente afectada que inclúe aos municipios de Melide, Palas de Rei, Agolada e Santiso e «porque os nosos concellos veríanse afectados na calidade do aire pola distribución de contaminantes debido á propagación dos ventos».

En canto á afectación na zona, destacan que os concellos da zona son limítrofes co rio Ulla «que verá incrementada a súa carga de contaminación», á que suman a do aire. En Agolada, apuntan, o municipio verase afectado «dado que varias parroquias están a escasa distancia do complexo».

Entre elas refiren as de Basadre, Eidián ou Ramil, ás que suman a do Sexo «parroquia na que Altri sitúa o verquido das augas residuis; Agra, afectada polo paso de tubaxes de captación con máis de 200 fincas afectadas e outras como Brocos, que limitan co encoro de Portodemouros, que ven sufrindo restricións de baño e actividades acuáticas por mor da alga tóxica microcistina».

Os nacionalistas destacan que estas son xa parroquias que sofren perda de poboación e quéixanse de que mentres se anuncie o proxecto de Altri que conta desenvolverse con millóns de euros de axudas públicas, en Agolada seguen reclamando o desenvolvemento das concentracións parcelarias. A estas parroquias engaden as dez de Vila de Cruces que lindan co Ulla e a de Cira en Silleda coa súa praia fluvial. Engaden a estas as parroquias estradenses que limitan co río Ulla. Tres concellos eses que, apunta, «xa están afectados polas plantacións de viñedos da Denominación de Orixe Rías Baixas».

Sindicato Labrego Galego

O Sindicato Labrego Galego solicitou os informes de impacto e afectación dos concellos integrados nas Reservas da Bioesfera das Mariñas Coruñesas, as Terras de Mandeo e Ribeira Sacra e as Serras do Oribio e Courel a causa do proxecto de Altri. Porán modelos de alegación elaborados pola Plataforma Ulla Viva a disposición da cidadanía.