O Estradense suma un punto agridoce ante a UD Ourense (1-1)

La Voz OURENSE / LA VOZ

DEZA

Santi M. Amil

Juanín adiantou aos rojillos, que tiveron moitas ocasións

24 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O empate reconfortou finalmente a unha UD Ourense que non tivo a súa tarde e viuse superada en distintas franxas do partido por un Estradense máis pragmático. Aínda así, o arreón final abondou aos de casa para salvar un punto no alongue: 1-1.

Un cadro local incómodo sobre o sintético de Oira non era capaz de imporse na medular a un rival mellor organizado e cunha idea máis clara do que quería facer con balón. Avanzaban os minutos e eran os homes de David Páez os que xogaban máis soltos. O carballiñés Migui inquietou despois dunha boa incursión estradense pola esquerda e, no ecuador desa primeira parte, Muñiz sorprendeu cun obús afastado que se estrelou no traveseiro. Os visitantes chegaban máis e mellor. Bruno cruzou demasiado, ao plantarse diante de Cobo, quen tivo que sacar dúas incisivas accións de Elías e Migui.

No segundo episodio, os anfitrións parecían máis decididos a cercar a área do seu adversario, pero Migui esixía unha palomita de Cobo e Sobrido cabeceou fóra outra boa opción. Un saque de esquina golpeou no mentón aos ourensanistas, posto que Juanín rematou só e adiantou ao Estradense.

Non se rendeu o once ourensán e, aínda que seguía sen claridade en ataque, un gol anulado a Lucas Puime por man, acelerou o seu ánimo, ata que un incansable Varo recolleu un rexeite na área e aloxou o coiro no fondo da rede, para salvar un punto sobre a bucina.

?

Álex Cobo, Santi de Prado (Jesús, min 62), Varo, Matovu, Alberto Novoa, Alex Fernández (Rojo , min 77), Antón Guisande, Champi, Javier Labrada, Viti (Puime, min 46) e Yelco Alfaya (Luismi, min 62).

?

Israel, Bruno, Carabán, Elías (Yosi, min 82), Anxo, Raúl Gómez (Juanín, min 65), Dani Prada, Porrúa (Ander, min 82), Raúl Paz, José Sobrido e Migui (Óscar López, min 74).

GOLES: 0-1, min 80: Juanín. 1-1, min 90: Varo.

ÁRBITRO: Rubén Estremadura Hernández. Amoestou con cartón amarelo a Porrúa e Yosi, no Estradense

INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 26 da Terceira División disputado no Campo de Oira.