A Acoe sorteará este Nadal un Audi A1 seminuevo e unha viaxe aberta

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

DEZA

Adrian Freiria

Superará os 20.000 euros en premios, con teléfonos, consolas ou portátiles

02 dic 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

A Asociación de Comerciantes da Estrada (Acoe) presentou este venres a súa campaña do Nadal, que acaba de arrincar co inicio do mes de decembro e que repartirá máis de 20.000 euros en premios. O premio estrela será un Audi A1 seminuevo que a partir da próxima semana expor nunha urna transparente na Praza do Concello. Non será o único obsequio apetecible. A lista inclúe tamén unha viaxe valorada en 1.000 euros con destino aberto, un iPhone 14, un portátil Gaming, unha Nintendo Switch ou unha escoba aspiradora Premium Samsung. A lista do sorteo complétase cun carro da compra valorado en 300 euros, un cartón de combustible por valor de 300 euros e dúas cestas de Nadal de 600 euros cada unha.

O sistema do sorteo será o mesmo que o ano pasado. Os clientes que compren no comercio asociado deben fotografar os billetes das compras que realicen entre o 1 de decembro e o 6 de xaneiro e enviar a imaxe por WhatsApp ao número de teléfono 613 885 081. Por cada 20 euros de compra o cliente terá unha participación no sorteo.

Atraccións desde o día 6

A campaña da Acoe inclúe de novo a instalación dun pequeno parque de atraccións na alameda. Contará con Torito Vacilón, un inchable, Coche Bailongo, xogos de dardos e penalti ou pesca de patitos. Abrirá do 6 ao 10 de decembro, do 15 ao 17 e do 22 de decembro ao 6 de xaneiro. Cada viaxe custará tres euros, pero Acoe repartirá entre os seus clientes descontos dun euro.

Unha ludoteca no Novo Mercado que custará tres euros por hora de servizo

Para facilitar as compras, a Acoe, en colaboración co Concello, porá a disposición das familias unha ludoteca do Nadal dirixida a nenos maiores de tres anos. O ano pasado, o espazo habilitado nun baixo da praza do Farol quedou escaso para atender a importante demanda do servizo. Esta vez, a ludoteca montarase na segunda planta do edificio do Novo Mercado. Estará atendida por monitores e funcionará do 22 de decembro ao 5 de xaneiro, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. O custo do servizo será de 10 euros por hora. Os billetes dos comercios adheridos á Acoe permitirán conseguir reducións no prezo de acceso. Por cada dez euros de compra conseguirase un desconto de 7 euros no acceso á ludoteca, co que a hora de servizo quedaría en 3 euros. Se o billete é de 20 euros, dá dereito a dous descontos.