O Atletismo Deza fai balance dunha tempada para o recordo

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

cedida

14 ago 2023 . Actualizado ás 14:23 h.

O club Atletismo Deza fixo balance da tempada pasada. Un ano prolífico para os lalinenses, que recibiron numerosos galardóns nas diferentes probas provinciais, galegas e estatais nas que participaron.

En canto aos autonómicos de clubs, conseguiron clasificar a tres equipos no top dez: sétimo o sub-10 masculino, décimo o sub-10 femininos e tamén décimo o sub-12 femininos. Tamén participaron como filial no Campionato Galego de clubs sub-14, sub-16 e sub-18, logrando o podio de forma individual en cada un deles por parte dos atletas dezáns.

Por segundo ano consecutivo volveron ao Nacional coa participación de Beltrán Rivas, que logrou unha sétima posición en sub-15 en combinada C, que aúna altura, lonxitude e 80 valos. O propio Beltrán obtivo éxitos nos autonómicos sumando unha prata en lonxitude e en salto de altura sub-14. Xoán Peón logrou o ouro en lanzamento de peso sub-10; Marta Lázara, foi cuarta en lanzamento de xavelina absoluta e foi subcampioa de Galicia sub-18; Antía Framiñán, rematou cuarta en lanzamento de peso; e Diego Reboredo, foi bronce en lanzamento de disco sub-16.

Nesta proba o Deza acudiu como filial do A Silva no galego de combinadas cun cuarto posto absoluto no que colaborou Lázara.

En canto aos campionatos galegos individuais ao aire libre, os dezáns estiveron nos sub-16 e sub-20, con Diego Reboredo e Marta Lázara, logrando un segundo posto en xavelina e en disco, respectivamente. Lázara foi ouro sub-18 en combinadas e Reboredo prata en disco sub-16 e un ouro de Rivas en triplo salto, anotando a marca galega. Quedou, así mesmo, terceiro en salto de altura sub-14.

Alan Fernández proclamouse campión autonómico de salto con pértega sub-14, Xoán Peón de lanzamento de peso e pelota sub-10 e Iago Rodríguez rematou subcampión de lanzamento de peso sub-12. Finalmente, competiron como filiais do A Silva e do Ximnástica de Pontevedra no Galego de clubs sub-14, quedando como campións.

Próxima campaña

A nova tempada empeza o 11 de setembro e as inscricións o 1 de setembro. Desde o club informan que haberá novidades que anunciarán proximamente.