Carlos Teixeira vaise do Viveiro para reforzar ao Xove Lago

PABLO CHAO VIVEIRO / LA VOZ

DEPORTES

Pepa Losada

O mozo dianteiro apenas gozou de oportunidades en Terceira Federación

16 feb 2024 . Actualizado ás 21:26 h.

O dianteiro Carlos Teixeira Rego (Viveiro, 2000) desvinculouse do Viveiro CF e márchase ao Xove Lago ata final de tempada. O canteirán celeste tan só disputara 176 minutos nas 20 xornadas de liga xa celebradas na Terceira Federación. Nelas foi convocado por Alberto López en 12 partidos, só foi titular nun deles e non puido estrear a súa conta de goles.

O nova punta viveirense regresa ao Xove Lago, cuxa camiseta xa defendeu nas tempadas 2021/22 e 2022/23, co obxectivo de axudarlle a manter a categoría de Primeira Galicia. Agora mesmo, o club xovense está na décimo quinta posición con 18 puntos e baixaría a Segunda Galicia polo arrastre da Residencia. Suma 18 puntos en 21 partidos e enlaza seis sen gañar desde o pasado 8 de decembro.

Teixeira está chamado a contribuír a paliar a falta de gol dun conxunto que apenas suma 19 ata o momento. Na súa anterior etapa co club xovense asinou 15 tantas na competición ligueira.

O Viveiro xa concedeu a carta de liberdade ao futbolista e desde o Xove Lago tramitan a súa licenza para que Pelayo Barrero poida contar con el este domingo. «Se nada se torce», xa poderá xogar contra o Meira nun encontro previsto ás cinco da tarde no Municipal de Xove, segundo apuntaron fontes da directiva.