O futbolista de Salceda brilla na súa estrea en Primeira e ve o conxunto sub-21, que hoxe xoga en Ferrol, como «a antesala» do grupo de Vicente del Bosque
12 nov 2014 . Actualizado á 10:24 h.Agora triunfa no Sevilla, pero a mochila de Denis Suárez (Salceda de Caselas, 1994) foise cargando de moitas experiencias ata converterse en fixo na tempada da súa estrea en Primeira, cedido polo Barcelona. Á volta do parón das seleccións visitará o Camp Nou, onde agarda que o seu equipo, quinto, poida «dar un golpe sobre a mesa e dicir ?aquí estamos?». Formado no Celta, fogueado na estrutura dun Manchester City, co que chegou a xogar algún partido oficial, e clave de bóveda do sorprendente Barcelona B da tempada pasada, agora tócalle liderar unha nova etapa da selección española sub-21. O equipo de Albert Celades xoga hoxe contra Bélxica en Ferrol (A Malata, 20.30, Catro), cos célticos Jonny e David Costas na convocatoria.
-Xa fai algo máis dun ano que deixou Mánchester. Segue habendo moitas diferenzas entre o fútbol de alí e o de aquí?
-Aquel é un fútbol diferente, máis físico, e eu creo que me adapto mellor ao fútbol español, ao estar máis en contacto co balón. E o estilo de aquí gústame máis.
-A selección sub-21 é medio nova, tras quedarse sen Europeo.
-Hai moita xente nova, pero é unha etapa tamén de transición despois de quedar fóra do Europeo e dos Xogos Olímpicos. É unha putada, pero hai que empezar de novo e preparar ben a próxima clasificación para poder estar no seguinte Europeo.
-Xa foi campión de Europa sub-19 no ano 2012, con outros futbolistas que forman parte desta nova xeración con vistas ao Europeo do 2017. A idea será dar continuidade aos éxitos.
-Oxalá. Ao final iso é moi complicado, como xa se viu nesta última eliminatoria da selección sub-21. É moi difícil estar aí. Pero intentarémolo.
-Ningúns daqueles compañeiros sub-19 da que vostede formou parte xa están na selección absoluta, como Paco Alcácer. Pode ser o seu seguinte paso.
-Todo o mundo mírase neses xogadores, e a selección sub-21 é a antesala da absoluta, pero debo traballar moito, tanto no equipo como aquí para poder estar aí.
-O seu bo papel no Sevilla xa fai que se fale de vostede como un dos posibles futuros convocados polo seleccionador absoluto.
-Non estou a pensar niso, senón facelo ben na sub-21 e no meu equipo.
-A nova selección sub-21 con miras ao Europeo do 2017 inclúe xa nomes importantes en Primeira.
-Si, hai xente de moito nivel como en todas as categorías inferiores. España está a sacar moi bos xogadores, en categorías inferiores e iso tamén se está plasmando na absoluta, porque nos últimos anos foi dúas veces campioa de Europa e outra do Mundo.