É moito máis que un simple encontro deportivo

DEPORTES

02 feb 2012 . Actualizado ás 07:00 h.

Os afeccionados e practicantes de fútbol americano en Galicia intentamos ser fieis ao espírito da Super Bowl, a pesar dos miles de quilómetros de distancia que nos separan. Reunímonos nun lugar para ver xuntos o encontro, con comida típica para a ocasión e sabendo que é algo máis que un simple partido.

Hai que ter en conta que nos Estados Unidos, as Ligas profesionais son como empresas e os equipos, as súas franquías. Non teñen categorías inferiores. Este labor está a cargo das universidades e os institutos. Hai unha diferenza de concepto desde a base, con respecto a Europa.

Un vai a un partido entre semana como o que vai ao cine. En casos como a Super Bowl, o propio evento deportivo supón só a metade das razóns polas que os afeccionados asisten ou presencian o evento na súa totalidade. De feito, en Indianápolis hai actividades durante toda a semana e o colofón é o partido de fútbol americano.

A carga simbólica é superlativa. Desde o himno ata o espectáculo do descanso, pasando pola propia concepción do deporte en si.

Isto contribúe á fidelización da audiencia americana, aínda que neste caso, a NFL intenta captar tamén público doutras zonas do mundo, por exemplo, organizando partidos en cidades como Londres. Curiosamente, estes gozan de gran popularidade.

Nós sentiremos certa envexa sa de todos os espectadores que conseguiron gozar o privilexio dunha entrada para o Lucas Oil Stadium de Indianápolis, pero ao mesmo tempo observando a Super Bowl por televisión poderiamos lembrar o xeito na que cada un fomos coñecendo e entrando en contacto con este deporte tan tipicamente americano.

No meu caso, atopeime un bo día cambiando as canles da televisión buscando un programa de interese cando me crucei cun partido de fútbol americano. Con só un pouco de información a maiores, foi doado engancharme a este deporte. E de aí a practicalo, houbo só un paso máis.

O encontro deste domingo ten especial interese polo sucedido na edición do ano 2008, entre os Giants e os Patriots. Será difícil ofrecer un prognóstico, pero ese precedente condicionará o choque con toda probabilidade.

Entre tanto, nos predisponemos a gozar cos mellores xogadores do mundo de fútbol americano. Cun campionato do mundo, como eles mesmos chaman á Super Bowl.

David Rodríguez Antuña é presidente da Asociación Galega de Fútbol Americano e membro dos Galicia Black Towers