O conselleiro de Cultura propón que o 2026 sexa o Ano Otero Pedrayo

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

CULTURA

Acto de presentación das cátedras institucionais da USC dedicadas a Rosalía de Castro, Castelao, Otero Pedrayo e Carvalho Calero
Acto de presentación das cátedras institucionais da USC dedicadas a Rosalía de Castro, Castelao, Otero Pedrayo e Carvalho Calero Mónica Arcay Carro

A intención é difundir a súa figura tal e como este 2025 se fixo con Castelao

18 sep 2025 . Actualizado a las 14:37 h.

De Castelao a Otero Pedrayo. Despois de que a Xunta declarase este 2025 como Ano Castelao coincidindo co 75.º aniversario do seu pasamento para enxalzar a súa contribución histórica e achegar máis á sociedade a súa figura, o conselleiro de Cultura, José López, propuxo este xoves que o 2026 sexa o Ano Otero Pedrayo aproveitando que se cumpren 50 anos do seu pasamento e que se conmemora o centenario da súa Guía de Galicia. Por iso, animou a unirse ao recoñecemento á figura do ourensán para «profundar, traballar e programar desde as distintas institucións» de cara a un maior coñecemento da súa obra.

A proposta do conselleiro estivo enmarcada na presentación das novas cátedras institucionais da Universidade de Santiago dedicadas a Rosalía de Castro, Carvalho Calero, Castelao e o propio Otero Pedrayo, que se crearon froito da colaboración da Universidade de Santiago, Parlamento de Galicia e a Xunta. «Son importantes porque non é só recoñecer as súas figuras, senón porque permitirá profundar máis na súa obra», recalcou o conselleiro.

Con anterioridade, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, considerou «un acerto» as cátedras dedicadas a catro figuras que «refrendan a nosa historia e a nosa cultura». Incidiu, ademais, na colaboración mantida entre o organismo autonómico e a Universidade de Santiago, salientando o diálogo establecido co reitor da Universidade de Santiago para chegar a un consenso que permitira a súa creación.

O reitor, Antonio López, lembrou que con estas cátedras a Universidade tamén salva débedas pendentes, «aínda que queda algunha». Así lembrou as palabras de Fernández del Riego nun inicio de curso indicando que a USC non debía ser só unha universidade asentada en Galicia, «senón unha universidade galega». «Hoxe a nosa Universidade é enraizada en Galicia, con vocación universal», afirmou, lembrando que as cátro renden tributo a catro figuras senlleiras para a lingua e culturas galegas.

A cátedra institucional Rosalía de Castro, codirixida por María do Cebreiro e Fernando Cabo, terá como prioridade promover achegas sobre a autora desde paradigmas renovadores, así como fomentar edición do conxunto da súa produción, sen descartar posibles textos inéditos, segundo destaca a USC.

Pola súa banda, a cátedra Castelao, co profesor Henrique Monteagudo á fronte, dedicarase ao fomento da investigación e difusión a nivel estatal e internacional do autor e da cultura galeguista. Entre as súas prioridades está a creación dun sitio web de referencia.

Manter e espallar o coñecemento do legado artístico e intelectual de Ramón Otero Pedrayo é o obxectivo da cátedra que codirixen Dolores Vilavedra e Francisco Durán. No caso da cátedra dedicada a Carvalho Calero ten como cometido a promoción e o estudo da literatura galega contemporánea. Está dirixida por Carlos Quiroga.