O Barómetro da Cultura detecta un menor crecemento do sector no 2023

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

CESAR TOIMIL

As entidades suspenden ás Administracións no apoio ao ámbito cultural

23 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O sector cultural galego segue medrando, pero faino a unha velocidade menor. Esa é a percepción que extrae do Barómetro da Cultura Galega despois de enquisas a representantes dun milleiro de empresas, organismos e profesionais deste ámbito a principios de ano. Se nesta ocasión un 40 % dos participantes afirmaba que o 2023 fora mellor que o exercicio anterior, na enquisa referida ao 2022 a cifra superaba o 52 %. Algo semellante sucede cos ingresos: un 38,1 % das entidades obtivo unha evolución positiva durante o 2023 fronte ao 47 % do exercicio anterior. Os que viron reducidos os seus ingresos foron neste último exercicio un 22,4 %, fronte a un 21,2 % do 2022. «En xeral, podemos afirmar que a cultura está sufrindo unha minoración da velocidade de crecemento, unha desaceleración. Esa percepción faise evidente tamén pola diminución nas expectativas desde o 2022. Ao saír da pandemia había unhas expectativas moi grandes postas na reactivación da actividade cultural, que en parte sucedeu pero, ano a ano, vaise vendo con menos esperanza que siga crecendo», afirmou Håkan Casares, responsable do Observatorio da Cultura Galega, o servizo dependente do Consello da Cultura que desde o ano 2020 se encarga de facer unha radiografía do sector.

O Barómetro da Cultura tamén destaca que os museos e entidades dedicadas a actividades relacionadas co patrimonio, así como aquelas vinculadas co audiovisual son ás que mellor lle foi durante o 2023. A tendencia tamén foi positiva no eido das artes gráficas e do teatro, danza, espectáculos e actividades auxiliares das artes escénicas. Pola súa banda, algo por debaixo da media, aínda que nun contexto positivo, atópanse as entidades dedicadas ás artes visuais (deseño, fotografía, creación artística...), á educación cultural, á música, ás bibliotecas e ao sector da edición. Pola contra, as firmas ligadas ao comercio de libros e publicacións periódicas foron ás que peor lles foi nesa comparativa dos dous últimos exercicios.

Por outra parte, o Barómetro recolle un leve incremento da demanda cultural respecto ao 2022, xa que un 45,3 % das entidades observou algún ascenso na demanda durante ano pasado. Os que prevén a continuidade deste aumento é unha porcentaxe significativamente menor —o 38 %—. Precisamente, que agardan para o 2024? O 40 % das entidades consideran que lle irá mellor que no pasado exercicio e un 15 % opinan que a súa situación empeorará nestes doce meses.

A análise recolle unha caída na presenza no estranxeiro das entidades culturais galegas. Un 44,4 % dos enquisados indicou que non ten ningún cliente ou usuario internacional, o que supera en 17,6 puntos a porcentaxe rexistrada en 2002 e en 11,6 puntos a de 2021. Uns datos que Håkan Casares apunta que hai que poñer en contexto pois isto podería obedecer a que os anos anteriores se celebrou o Xacobeo. Neste eido, os que maior penetración internacional logran son a edición de libros e o audiovisual.

Outro dos aspectos que mide o estudo do Observatorio da Cultura é o apoio institucional das diferentes administracións. O sector volve a suspender ás diferentes administracións en canto ao respaldo que lle ofrecen. A Xunta obtén 4,5 puntos. Séguelle a administración local con 4,51 puntos e, finalmente, a estatal con 3,78. Pero entre eles as tendencias son dispares. Así houbo un incremento significativo na valoración da administración central —pasou de 3,21 en 2021 a 3,78 en 2023— e unha baixada na autonómica —de 4,74 a 4,55—.

A presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, resaltou a posta en marcha deste Observatorio da Cultura a raíz da pandemia xa que acabou co baleiro de datos fiables neste ámbito. «É un proxecto ambicioso e custoso, pero necesario», afirmou.