Lá Fhéile Padraigh

CULTURA

Gaiteiros, no desfile en Madrid hai uns días polo San Patricio.
Gaiteiros, non desfile en Madrid hai uns días polo San Patricio. Rodrigo Jiménez | Efe

19 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Creo que non é difícil intuír dende esta columna que teño certa querenza pola cultura celta. Coido que cando se fala de celtismo en xeral, Irlanda ocupa un lugar de certo privilexio por ser un deses territorios onde mellor se conservou esta cultura. Galicia e Irlanda teñen unha relación histórica de irmandade, ben o sabemos os galegos. Para nós, esta cuestión, sempre xera un debate que sen dúbida axuda a consolidar e afianzar ese vínculo. Moitas son as cuestións que afondan nas raíces comúns dos dous pobos pero, entre todas, hai unha destacable pola súa relevancia: a profunda relixiosidade, ben arraigada nos dous países, mesturada ata a confusión con antigos ritos pagáns. Galicia é o lugar de Europa con máis topónimos relacionados con santas e santos e aínda que na Irlanda non se dá esta circunstancia, a súa relixiosidade é moi profunda ata na actualidade. É Lá Fhéile Padraigh ou san Patricio o gran santo patrón dos católicos irlandeses, sen discusión. Un santo nacido en Britannia, cunha longa historia persoal e a quen se lle atribúe a principal introdución do catolicismo en Irlanda. O trevo é unha planta asociada a el.

Dise que o empregaba nas homilías para explicar o misterio da trindade ou a divindade tripla, Deus, Xesucristo e Espirito Santo nas tres follas da planta. Tamén hai outra antiga lenda que conta que foi san Patricio quen acabou coas serpes na illa, animal que segundo a relixión católica está asociado ao demo, moito dicir. Quizais sexa un dos santos máis coñecidos internacionalmente debido a emigración de irlandeses por todo o mundo e tamén pola súa importante presenza na hostalería. O 17 de marzo celébrase o seu día en moitos lugares e alén da relixiosidade, nesta xornada destacan os desfiles de gaiteiros e o consumo de cervexa negra típica irlandesa ben popular e característica. Fóra da illa, quizais o desfile máis importante e vistoso sexa o de Nova Iorque onde se tingue o río Hudson de cor verde e participan milleiros de persoas. En Galicia tamén se celebra nas principais cidades e na Coruña a torre de Hércules ou de Breoghán ese día ilumínase de verde en honor a este persoeiro. Gloria ao santo pero máis á xente que mantén a esencia dun pobo tan único como é o irlandés.