Diego Ameixeiras: «Vivimos na incerteza, o futuro é máis descoñecido que nunca»

Cándida Andaluz Corujo
CÁNDIDA ANDALUZ OURENSE / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

É o autor, xunto a Tomás Guerrero, do cómic «Os Suicidantes», ambientado no ano 2051 en Santiago

17 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

«Nunha cidade do futuro, devastada por un réxime económico fóra de control, os individuos son arrastrados cara ao abismo». Edicións Xerais presenta desta maneira Os Suicidantes, o cómic de Diego Ameixeiras, como escritor, e Tomás Guerrero, como ilustrador. Unha historia ambientada no ano 2051 en Santiago.

—Está acostumado a escribir guións, pero este é o seu primeiro cómic. Por que con «Os Suicidantes»?

—Había tempo que tiña a idea de escribir algo para cómic, facer o guión dunha novela gráfica. Cando comecei con Os Suicidantes non sabía se sería relato ou novela. Pero dinme conta de que podería ser un cómic. Unha vez co guión feito contactei a través de amigos comúns con Tomás Guerrero. Paseille o guión, conxeniamos moi ben e puxémonos a traballar xuntos.

—Que conta a historia?

—É unha distopía, unha historia ambientada no ano 2051. É violenta, dura e escura. Preséntase un mundo desesperanzado no que a xente está baixo o dominio dun gran poder económico que chega ata o extremo de penalizar ás familias con algún membro que decidiu acabar coa súa vida. Cando o sistema se ve en perigo, porque a xente angustiase e quere acabar coa súa vida, é capaz ata de sancionar á xente que o rodea. É un mundo deshumanizado e terrible.

—Que parte ten que ver coa realidade?

—Un dos temas que aparece na historia ten que ver coa saúde mental, un tema do que nos últimos anos parece que empezamos a falar en serio e está máis visible. Falamos dun mundo desnaturalizado no que o único importante son as relacións económicas. Parece que é cara onde imos, aínda que no cómic móstrase de maneira extrema. Pero aparecen cousas como que nos definimos polo que facemos, somos ou producimos e non tanto polo que somos como persoas.

—Cando se decatou de que podería ser un cómic?

—Meu lugar habitual é a literatura. Cando empecei a escribir e tiña máis ou menos a sinopse decateime de que non me sentía cómodo facendo eu só un mundo ambientado no futuro. Necesitaba de alguén que camiñase comigo na historia. Así din o paso de darlle forma ao guión e contactar con alguén que puidera debuxalo. E foi Tomás Guerrero. Fixo un traballo estupendo, dende o primeiro momento dinme conta de que tiña que ser el quen se encargase da historia de Os Suicidantes. É unha obra de dous. Non nos coñeciamos previamente, pero en canto quedamos un par de veces e falamos da historia souben que era el e que podiamos traballar os dous xuntos. Presenteille o guión consciente de que quen o vai debuxar necesita unha marxe ampla para sentirse libre e interpretalo á súa maneira. Chegou un momento no que o traballo foi de Tomás, sobre todo na parte final. Eu era case unha especie de acompañante. Gústame traballar en equipo. O proceso foi moi divertido, incluso, xa que aprendes moito das túas propias historias. Cando alguén a colle empeza a interpretala e a facela propia ves que empeza a adquirir outros matices e significados e iso está moi ben. A historia só a imaxino cos debuxos de Tomás, non a entendo de ningunha outra forma.

—Del saíu a idea de ambientala en Santiago?

—Eu en principio non pensaba en ningún lugar concreto. E cando pensei en que se podería debuxar, preferín esperar para debater sobre iso coa outra persoa. Tomás tivo a idea estupenda de ambientala en Santiago. Foi un acerto enorme, xa que a historia ten un fondo espiritual e profundo e levala a unha cidade como Santiago é un acerto. Ademais é un lugar moi connotado. Ves unha imaxe da catedral e sabes onde estás, é recoñecible. Levar a distopía ata alí foi ata algo divertido. Ver as rúas polas que transitamos todos os días esnaquizadas ten máis significado. A imaxe da catedral no ano 2051, nunha cidade deshumanizada, engádelle un significado.

—A súa experiencia co cómic foi algo concreto ou abriulle unha porta?

—Teño algunha historia por aí en marcha, pero non podo dicir nada, nin datas nin se se converterá en libro. A parte de escribir libros tamén fixen guións e traballei en series, películas e teatro... Sempre me atrevín a facer cousas por curiosidade. A verdade é que non o descarto. Incluso con Tomás falamos dunha continuación de Os Suicidantes, ou non... Pero son cousas que só falamos.

—Como está sendo a resposta do público?

—A xente pregunta moitas veces como é o proceso de pasar da literatura ó cómic. Pero noto que a historia gusta. A sensación de que camiñamos un pouco ata ese mundo é algo compartido. Vivimos nunha incerteza, o futuro é un lugar máis descoñecido que nunca. Estamos nun momento de moitas dúbidas sobre a humanidade. Cando fas un cómic que fala un pouco desas cousas, a historia rema a favor porque a xente vese reflectida. O camiño que leva a humanidade é bastante inquietante.

—Invita á reflexión.

—Si. Nese mundo tan pesimista que se debuxa hai un fondo de esperanza, unha pequena historia de amor e humanidade. Non é desesperanza absoluta, hai unha certa confianza na capacidade que temos como seres humanos de poder cambiar as cousas ou pór os sentimentos ou as necesidades humanas por riba do económico.