«Rapa», «O Corno» e «Matria» arrasan na carreira aos premios Mestre Mateo

l. fernández A Coruña / LA VOZ

CULTURA

Denís Gómez, Saamira Ganay e Lucía Veiga
Denís Gómez, Saamira Ganay e Lucía Veiga Eduardo Pérez

Paco Lodeiro aspira ao de mellor comunicador e «Saudade de ti» ao de mellor serie

07 feb 2024 . Actualizado ás 21:24 h.

A cerimonia de entrega dos Premios Mestre Mateo será o 23 de marzo, cando os presentadores Lidia Veiga e Miguel Canalejo darán a coñecer os afortunados que se irán para a casa cunha estatuíña baixo o brazo. Un total de 25 categorías formarán parte desta nova edición, e a elas presentáronse 173 producións e preto de 500 candidaturas. Non foi fácil o traballo de escolma do xurado profesional, que agora terá que elixir un único vencedor por categoría.

Os actores Denís Gómez e Lucía Veiga foron os encargados de dar o pistoletazo de saída definitivo co anuncio dos finalistas. Entre eles atópanse dous proxectos producidos por Voz Audiovisual. Destaca a candidatura de Paco Lodeiro, condutor do programa Atrápame se podes, que se acaba de alzar como un dos finalistas na carreira de fondo para obter o premio na categoría de mellor comunicador. Competirá contra Juan Fuentes, presentador do programa Quen anda aí? e a propia Lucía Veiga, que soubo da súa candidatura polo programa Malicia noticias en vivo e en directo.

«Isto é similar a cando lle toca a lotaría a alguén que está no Teatro Real e se dá conta de que o seu número é o premiado», comparou a actriz e presentadora, visiblemente emocionada. «Estaba intentando tapar o sobre o máximo posible, porque es unha das finalistas», foi o único aviso que tivo Veiga do seu compañeiro, que non perdeu tempo en felicitala, continuando co anuncio dos finalistas sen maior interrupción.

Por outra banda, Saudade de ti, tamén producida por Voz Audiovisual, é unha das candidatas a recibir o premio a mellor serie de televisión do 2023. Terá que verse as caras con outras producións do nivel de Os argonautas e a moeda de ouro, de Portocabo; e Motel Valkirias, de CTV, emitidas pola TVG.

Porén, Rapa encara o tramo final dos premios sendo a máis votada, cun total de 16 candidaturas, entre as que sobresae a categoría de mellor serie de televisión, así como a de mellores actores de reparto e protagonistas, con rostros como Javier Cámara e Mónica López. A serie de Portocabo, xunto con O corno (14 candidaturas) e Matria (con 12), copan os postos finalistas da XXII edición dos Mestre Mateo, ao teren representación en practicamente todas as categorías. Entre as tres suman un total de 42 candidaturas, seguidas de Salta (9) e Fatum (5).

Só queda esperar para coñecer os gañadores que se alzarán co ouro nuns premios que este ano, máis ca nunca, están comprometidos coa normalización lingüística e coa igualdade de xénero. Un 57 % dos finalistas son homes, fronte a un 42 % de mulleres que lograron a candidatura.

Sen dúbida, o audiovisual galego atópase nun momento álxido. Proba diso é a cantidade de proxectos que emerxen ano tras ano, pero especialmente os recoñecementos e galardóns que reciben, tanto dentro como fóra das fronteiras nacionais. Películas, series, documentais, programas. O xénero é indiferente, xa que o que prima é a calidade. Ao igual que a tremenda canteira de actores, actrices, directores, produtores, e todo o persoal que se encontra detrás dun proxecto destas características, moitas veces na sombra. Galicia exporta talento, e iso é o que celebran os Mestre Mateo, uns premios que naceron hai 22 anos e que continúan homenaxeando os traballos audiovisuais máis destacados do ano.