Susana Carral: «Eu traducín o ''estás bébeda, Sue Ellen''»

CULTURA

LVG

A tradutora coruñesa chancea co feito de que teña traballado con textos de premios Nobel e que o seu maior éxito fose a soada frase de «Dallas»

09 dic 2022 . Actualizado ás 19:30 h.

Só é unha liña de diálogo, «estás bébeda, Sue Ellen», pero fixo historia. Asinouna Susana Carral (A Coruña, 1963), tradutora por vocación que, naqueles primeiros momentos da televisión autonómica, descoñecía o impacto que ía ter a frase, pronunciada polo malvado J.R. na serie Dallas e paradigma da dobraxe en galego. Hoxe segue traducindo tan feliz. O último, Foise co vento.

—Cantos anos leva no mundo da tradución?

—Empecei no verán de cuarto a quinto de carreira. Ou sexa que levo case toda a miña vida.

—E vai pasar á historia por unha única frase.

—Xa, ¡hai que amolarse! Traducindo a premios Nobel, a Scott Fitzgerald e o que se lembra é que eu traducín o «estás bébeda Sue Ellen».

—Conte un pouco esa historia.

—Eu estaba a estudar Filoloxía Inglesa en Santiago e a un amigo dos meus pais, co arranque das televisións autonómicas, ofrecéronlle traducir para a dobraxe. El non se atreveu, pero ofreceumo a min e dixen que si. É que a min sempre me gustou traducir. Cando os meus pais me castigaban sen saír da casa, sabe o que facía? Púñame a traducir.

—Por que cre que fixo tanta graza esa frase?

—Pois non o entendo. Eu doulle o mérito a Antón Cancelas, o doblador de J.R. porque a frase é literal. Podía ter usado «bébeda», pero naquel momento soaba mal. Entón non lle dei ningunha importancia a esa frase. Nin eu, nin ninguén.

—Pois fixo fortuna.

—Dixéronme que había camisetas coa frase. Non mo podía crer.

—Segue traballando para estudos de dobraxe?

—Non. Deixeino no 2007, porque había malos rolos políticos cando só tiñan que ser cuestións lingüísticas.

—Curioso.

—Si. Dáme a sensación de que en Cataluña e no País Vasco hai situacións similares.

—En que traballa agora?

Acabamos de publicar Foise co vento, de Margaret Mitchell. A verdade é que me sorprendeu, porque non a leu. É unha gran novela, está moi ben escrita a pesar de ser un best-seller. Pódolle dicir que lle dá mil voltas á película, que é o que vimos todos.

—Que é o máis difícil ao que se tivo que enfrontar como tradutora?

—Non sabería dicir. Cada cousa ten a súa dificultade. Talvez o máis complicado e á vez o que me deixou máis satisfeita foron os contos de Jack London, que sacou a editorial Reino de Cordelia en tres tomos. Estiven tres anos dedicada só a iso. É que Jack London é un autor moi moderno e usa un vocabulario que ás veces non existe en castelán. E é moi conciso.

—A vida do tradutor é unha vida...

—...De cova. A min non me gusta que a xente saiba quen son. O traballo do tradutor é estar detrás, porque o autor é o que realmente ten valor. Pero é importante que as editoriais recoñezan o traballo do tradutor e que o paguen. Este traballo de Jack London púidenmo permitir porque non vivo só do que gaño eu. Se hai editores que se dan conta de que hai que pagar isto un pouquiño máis, que me fagan a onda ou non, dáme igual.

—E nunca lle deu por escribir?

—Eu? Nin de coña. O respecto que me merecen os autores fai que non me atreva. Encantaríame en realidade, pero nin teño tempo nin valor. Eu creo que hai xente que non é consciente e lánzase, pero eu non son así. Algún día, se cadra.

—Celta ou Dépor?

—Deportivo. Pero non son moito de fútbol. Véxoo polos amigos.

—Dígame como é vostede en poucas palabras.

—Tenaz, leal... e bo, son Xémini.

—Que lle gusta facer no seu tempo libre.

—Sobre todo ler. E estar coa miña familia e cos meus amigos. Viaxar tamén me gusta.

—Se puidese converterse nun personaxe de ficción quen seria?

—[A pregunta xera moitas dúbidas en Susana, que elixe finalmente un personaxe, pero retráctase] Non me gustaría ser ningún, pero hei de dicir que me fascina Soames Forsyte, da saga dos Forsyte. A verdade é que o autor, John Galsworthy, consegue o que poucos, que sintamos cara a ese personaxe todas as emocións que se poden sentir.

—Que tal na cociña?

—Gústame. O problema é que teño que cociñar todos os días, pero si que me gusta. E tampouco o fago tan mal. Ou polo menos iso din os que lla comen.

—Cando era pequena que quería ser de maior?

—O meu pai quería que fose farmacéutica. Cando fun algo maior pensei en ser avogada.

—Dígame algo que lle resulte repugnante.

—Depende do momento. A falsidade, por exemplo. Pero calquera cousa pode resultar repugnante segundo a ocasión. Un sorriso, por exemplo.

—Unha canción.

Brass inPocket , de The Pretenders.

—Que cre que é o máis importante na vida?

—Estar ben cun mesmo, porque se non o estás, dificilmente estarás ben cos demais.