Abanca ofrece ao público unha mirada á arte contemporánea con 42 obras

neves rodeiro / r. m. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

C. VILLAVERDE

A mostra reúne en Santiago creacións dunha trintena de artistas españois

25 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Os amantes, e curiosos, da arte teñen unha cita no centro social da Afundación Abanca, en Santiago. A exposición A mirada contemporánea, inaugurada onte e aberta ao público de forma gratuíta ata xaneiro, reúne un total de 42 obras pertencentes á Colección Abanca. Tàpies, Chillida, Barceló e Oteiza son algúns dos referentes que servirán para facer un repaso desta etapa da arte en España. 

A mostra abarca un total de 27 autores e inclúe tantas pezas de pintura e escultura como obras realizadas con técnica mixta. A estrutura do percorrido articúlase en dúas partes, nas que se dan a coñecer dúas etapas estilísticas ben diferenciadas.

O primeiro bloque céntrase, por unha banda, no movemento do informalismo, que tivo os seus inicios en Francia e cuxa proliferación en España se debeu a autores como Eduardo Chillida, Antoni Tàpies e Jorge Oteiza. Por outro, tamén recolle as obras dos artistas e fundadores do grupo El Paso, creado en febreiro de 1957 en Madrid e convertido nun dos movementos máis relevantes da vangarda de posguerra. As obras de Canogar, Manuel Rivera e Antonio Saura representan o colectivo. O bloque complétase co traballo doutros autores que desenvolveron parte da súa creación ao longo do século XX, como Lucio Muñoz e Leopoldo Nóvoa.

Xa na segunda parte do itinerario expositivo, o pintor español Luis Gordillo dá inicio a unha serie de obras que reflicten a renovación da pintura española nos anos 80. Gordillo é un dos máximos expoñentes da arte abstracto en España e o seu prestixio internacional fixo que as súas obras se contemplasen en museos de Norteamérica e Europa. Ás pinturas do sevillano haberá que sumarlle dous de Miquel Barceló: Blanc Negre e Lle feu sur inféstea. Tamén José María Sicilia, José Manuel Broto e Miguel Ángel Campano están presentes neste apartado, onde a representación galega a poñen Lamazares, Murado ou Berta Cáccamo.

O percorrido conclúe cunha mirada á arte contemporánea internacional a través do lenzo Wall of Light (1999), do irlandés Sexan Scully, un dos numerosos títulos de artistas estranxeiros cos que tamén conta a Colección Abanca.

A mirada contemporánea contará ademais cun programa de visitas guiadas destinadas a grupos e un conxunto de actividades didácticas que se organizarán a partir de setembro para escolares de primaria e secundaria.

Composta por máis de 1.300 obras, a Colección Abanca, unha das máis completas de Galicia, foi declarada ben de interese cultural polo Goberno autonómico no ano 2015. Desde entón Afundación organiza distintas exposicións ao longo do ano coa intención de dalas a coñecer ao público. Abanca ten agora mesmo aberta outra mostra cos seus fondos artísticos. Nese caso leva por título Lugrís, paredes soñadas e pode verse na sede de Afundación da Coruña.

A exposición pódese visitar coa axuda dunha aplicación móbil

A innovación tecnolóxica ponse ao servizo da arte. E mostra diso é a aplicación de realidade aumentada Colección de Arte Abanca, que, de carácter gratuíto e en funcionamento desde hai dous anos, permite visitar a exposición A mirada contemporánea cunha guía entre as nosas mans. O necesario? Un móbil e a descarga da aplicación. Así, ao longo do percorrido pódense fotografar as distintas pezas artísticas e velas representadas virtualmente nos dispositivos móbiles grazas á tecnoloxía da realidade aumentada. Con ela, o usuario pode escoller as obras nas que desexa profundar, xa que ao sacar a fotografía tense acceso á ficha artística de cada creación, xunto coa biografía do autor ou outros traballos do creador.