Uxía e Narf unen as súas naves no disco «Baladas da Galiza imaxinaria»

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOÁN A. SOLER

O resultado son doce temas nos que funden os seus repertorios e afinidades. A obra recolle clásicos dos dous autores, material novo e cancións inéditas

04 jun 2015 . Actualizado ás 11:47 h.

Uxía e Fran Pérez (Narf) uniron as súas voces, as súas naves e mesmo os seus equipos de traballo para o seu primeiro proxecto en común, Baladas da Galiza imaxinaria, un disco autoproducido e autofinanciado ao amparo dun novo selo, Edicións Damadriña. O traballo empezou a forxarse por mor da xira de Atlántic\s, na que participaban ambos os artistas xunto a Rosa Cedrón e Budiño. A boa sintonía que xurdiu entre eles animounos a seguir a aventura musical pola súa conta por Chile, Uruguai e Arxentina.

«Foi un proceso moi espontáneo e nada pretensioso», explica Narf. «Vimos como nos entendiamos musicalmente e as sonoridades que obtiñamos xuntando as nosas voces, dunha forma un pouco inesperada, porque eu veño máis do rock e Uxía de outros xéneros musicais», relata.

O resultado son doce temas nos que funden os seus repertorios e afinidades. O disco recolle clásicos dos dous autores, material novo e cancións inéditas, «froito desa xuntanza e do gusto pola experimentación musical que compartimos», sinala Uxía. Nese caixón común, «hai tamén poesía nosa: Rosalía, Curros, García Lorca en galego e un texto de Sempre en Galiza de Castelao», engade. O concerto de presentación será en Santiago o 10 de xuño.