Máis de 200 actores e 500 voluntarios participan na Queima do Judas, de Tondela

camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Tras unha semana de longos preparativos, este sábado terá lugar unha celebración que ocupa case toda a localidade

06 abr 2012 . Actualizado ás 07:00 h.

En 1985, a compaña de teatro Trigo Limpo recuperou na localidade portuguesa de Tondela unha celebración de orixe profana coñecida como Queima do Judas. A celebración foi crecendo e refundándose ata converterse nunha ópera de rúa na que participan máis de douscentos actores, músicos, cantantes e na que colaboran 500 voluntarios. A música pona o galego Fran Pérez.

Tras unha semana de longos preparativos mañá, sábado, terá lugar unha celebración que ocupa case toda a localidade, próxima a Viseu, na que se concentran as palabras de Gil Vicente, música, danza e pirotecnia no espectáculo que se realizará nun dos campos de xogos da cidade e que o pasado ano reuniu a máis de cinco mil espectadores.

A celebración ha ir crecendo ao longo dos anos e tras unha primeira etapa de manter o rito popular, Trigo Limpo ACERT decidiu darlle outro aire e incorporar á actuación un maior carácter escénico e ampliar a participación dos veciños e os colaboradores. O incremento obrigou a buscar outro emprazamento para a celebración final, que comezará sobre as once da noite, hora portuguesa. Onde antes se queimaba un boneco de palla agora arde un boneco xigante construído para a ocasión, entre explosións, danzas, orquestras e coros que cantan mentres se consome a figura.