00031714728176117547758

A Coruña recuperará o tempo anticiclónico tras esta fin de semana de vento e choiva

VIVIR A Coruña

O Concello herculino pechou parques e xardíns ata as doce da noite deste venres

03 may 2024 . Actualizado ás 11:43 h.

A área da Coruña leva enfrascada unha semana nunha meteoroloxía que lembra máis ao inverno que á primavera. Un tempo inestable que se vai manter durante esta fin de semana, pero cambiará a partir do próximo luns.

A predición de Meteogalicia para este venres é a dunha xornada gris, con ceos encapotados e intensas precipitacións durante a noite. Os ventos virán do litoral sur de forma moderada, aumentando a súa forza a última hora da tarde, con aviso amarelo entre as 15.00 e as 00.00 horas. Así, o Concello da Coruña pechou parques e xardíns ata as doce da noite. 

Esta situación manterase durante o sábado pola mañá, con persistencia de choivas intensas, pero sen alerta por refachos. As precipitacións irán remitindo pola tarde e as temperaturas acadarán os 18 graos centígrados, froito dos ventos de compoñente sur.

A xornada do domingo repetirá a inestabilidade atmosférica. Con esta situación, agárdanse intervalos nubrados, con precipitacións intensas durante a primeira metade do día. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, mentres que as máximas tenderán a ascender. A comarca coruñesa moverase entre os 10 e os 17 graos.

O comezo da próxima semana traerá unha xornada de transición na que as altas presións irán achegando estabilidade de xeito progresivo. O luns persistirá a nebulosidade, pero tenderá a desaparecer a medida que avance o día. As temperaturas mínimas terán un notable descenso, polo que as primeiras horas do día serán frías, da orde dos sete graos na Coruña.

Este cambio de tempo notarase o martes e, sobre todo, o mércores. A previsión de Meteogalicia sinala que a partir da metade de semana o mercurio acade temperaturas superiores para esta época do ano, con 24 graos de máxima no horizonte.