O ano que Alvedro quixo deixar de ser un «aeroporto de xoguete»

L. G. V.

VIVIR A Coruña

Vista aérea del aeropuerto de Alvedro
Vista aérea do aeroporto de Alvedro CARLOS FERNANDEZ SOUSA

Fai trinta anos o aeroporto da Coruña comezou unha ampliación que hoxe en día permite aos coruñeses dispor de sete voos regulares e voos chárter a destinos como Exipto, Turquía ou Albania. Algúns expertos consideran que a súa capacidade está ao límite

26 ene 2024 . Actualizado ás 14:55 h.

Despois da resaca do Xacobeo de 1993 A Coruña quixo estirar o chicle do turismo todo o que fose posible. Cun aeroporto que aínda non podía competir con Lavacolla, os case 260.000 pasaxeiros que pasaron por Alvedro foron suficientes para que se aconsellase a construción dunha nova terminal que soportaría un volume de viaxeiros á altura do que buscaba a urbe herculina. En tempos onde os voos low cost eran aínda unha quimera, aos coruñeses non quedaba máis remedio que depositar inxentes cantidades de diñeiro se querían coñecer mundo. Iso ou conformarse coas bondades do territorio nacional. 

Pasaron trinta anos desde que Alvedro expuxo a súa ampliación, e a concepción que a sociedade ten de viaxar non se parece en absoluto á que se tiña a principios dos noventa. En 1994 menos de 200.000 persoas desprazábanse da cidade rumbo a outras comunidades ou ao estranxeiro. Entón eran vinte os destinos aos que se podía viaxar en bus, tren ou avión sen facer transbordos ou escalas, pero por aire apenas se contemplaban alternativas europeas, polo que se agardaba como auga de maio que este aeroporto «deixase de ser de xoguete».

Así se refire Alberto Maroto, portavoz de Voa Máis Alto, ao aeródromo coruñés que ía á zaga do de Compostela. Por aquel entón, pensar que o novo Alvedro podería ter capacidade en hora punta para atender a 600 pasaxeiros, cando ata a data podía asumía uns 150, era todo un fito. Ademais, Aviaco, que desapareceu como marca comercial en 1999, estimaba que se gañarían 100.000 pasaxeiros coa nova terminal, mentres soñaba con liñas que conectasen A Coruña con Londres e Canarias. Víase o novo milenio como un horizonte onde o tráfico anual de viaxeiros sería de medio millón de persoas, cifra que acabou superándose en 89.000 viaxeiros. 

O balance de pasaxeiros adoita ser unha bombona de osíxeno para Aena e a corporación local, sobre todo cando se pon sobre o mantel a pregunta de se é necesario que Galicia conte con tres aeródromos. Tras o annus horribilis que foi o 2002, cando a terminal perdeu 130.000 viaxeiros respecto ao ano anterior, os seus datos comezaron a sacar sorrisos. Ocorreu sobre todo no 2005, cando fixo historia pechando o ano con 852.322 turistas, en parte grazas ao voo que Iberia comezou a operar con Londres. 

O volume de xente que asumía Alvedro continuou crecendo, tendo como meta os dous millóns de pasaxeiros, precisamente, para acadar novas conexións aéreas e lograr que AENA amplíe a terminal. Polo momento, este aeródromo pechou o 2023 con 1,2 millóns de viaxeiros, lonxe aínda desa cifra que, para Maroto, «agora mesmo sería inasumible». Explícao: «Alvedro xa está colapsado: as salas de embarque están pensadas para a capacidade que tiñan os avións dos noventa, e isto é extrapolable á zona de control de pasaxeiros. O único que estaría adaptado sería o aparcadoiro». A revisión do Plan Director preparaba no 2022 ao aeroporto para acadar os 1,6 millóns de pasaxeiros, contemplando diversas obras. 

O vaivén de rutas deixa na actualidade unha postal que conecta A Coruña con grandes urbes como Milán, Xenebra, Londres e co proxecto de Ámsterdam nun horizonte próximo. Con todo, en Voa Máis Alto consideran que habería que recuperar destinos nacionais como Sevilla ou reforzar o número de conexións con Barcelona. Ademais, Maroto considera indispensable que haxa unha ligazón co aeroporto principal de Londres: Heathrow. «Perdemos a conexión con Asia e América Latina», lamenta, para engadir á súa lista de desexos «un voo a algún hub alemán».

O lanzamento de voos chárter a destinos afastados como Albania, Exipto ou Turquía é do mellor que ten esta terminal na actualidade, indica este experto en Alvedro. «Aínda que teñan un pouso promocional deixan constancia de que este aeroporto pode servir para algo máis que para ir a Madrid».