0003_202302G5P11991

Oza-Cesuras, dez anos dunha fusión que polarizou aos veciños

toni Silva OZA-CESURAS / LA VOZ

OZA-CESURAS

MARCOS MÍGUEZ

O alcalde segue agardando axudas para cumprir os grandes proxectos prometidos

05 feb 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

A primeira fusión de municipios en 44 anos anunciouse desde Santiago cando os alcaldes implicados estaban escondidos por orde política. Era marzo do 2012 e en pleno debate sobre o estado da autonomía, Alberto Núñez Feijoo fixo que toda Galicia buscase no mapa as coordenadas de Oza dos Ríos e Cesuras. Agora cúmprense dez anos da celebración dos plenos que deron luz verde a un proceso histórico, case explosivo na política do momento, pero cuxa pólvora se mollou co paso do tempo, con excepción da faísca prendida en Cerdedo-Cotobade.

Oza-Cesuras naceu entre rifas que o tempo aínda non diluíu. La Voz intentou ilustrar esta reportaxe cunha foto conxunta de varios concelleiros que debateron entón o proceso de unión, pero o que se constatou é que a fusión levantou sentimentos de animadversión entre os seus protagonistas que aínda non se borraron.

Diego Calvo, entón presidente da Deputación da Coruña, foi o xestor intelectual daquela fusión que pretendía contaxiar a outros pequenos municipios que non eran viables de forma autónoma. Pablo González Cacheiro, alcalde de Oza dos Ríos, e Julián Lucas, rexedor de Cesuras, formaron con el un equipo que tamén se iría esfiañando co paso dos meses: Lucas dimitiu no medio do proceso coincidindo cun escuro asunto inmobiliario en Pontedeume. Ambos os alcaldes, co tempo, deixaron de falarse, á vez que crecía a tensión entre Cacheiro e Calvo.

A oposición e parte dos veciños, especialmente en Cesuras, sempre criticaron a imposición da unión municipal e a falta de información. Polos dous concellos xurdiron plataformas enfrontadas que rivalizaban á hora de recoller firmas a favor ou en contra da fusión. E toda esa tensión se canalizou especialmente no pleno celebrado fai agora dez anos en Cesuras (o de Oza dos Ríos foi máis tranquilo), onde os veciños acudían con crespóns negros e esixían un referendo.

O sistema de votación tamén levantou bochas. A oposición pediu que se aplicase a Lei de Administración Local de Galicia, que esixía unha maioría cualificada de dous terzos. Desta forma, en Cesuras non tería prosperado a fusión (en Oza o PP tiña unha maioría máis folgada). Pero nos días previos, desde a Deputación e a Xunta emitíronse informes que determinaban que había que aplicar a Lei de Bases de Réxime Local estatal, para a que abonda a maioría absoluta para aprobar a fusión.

O PP sacouno adiante en ambas as sesións, pero o expediente viaxou á Consellería de Presidencia co alento en contra de moitos veciños de Cesuras, que temían a desaparición do colexio e do centro de saúde, servizos que seguen a día de hoxe. O proceso continuou ata a constitución dunha xestora de 13 membros, lideradas polo actual alcalde, Pablo González Cacheiro, reelixido desde entón con maioría absoluta.

Coa fusión anunciáronse tamén dous grandes proxectos, un por municipio. Lucas anunciou que a Xunta e o Estado (gobernaba Mariano Rajoy) darían fondos xenerosos para converter o vello sanatorio do Paraxón, un edificio secular e de gran importancia arquitectónica, nun centro de día para maiores. Pola súa banda, González Cacheiro chegou a reunirse coa entón ministra de Fomento, Ana Pastor, para a execución dun paso baixo a ponte da vía férrea que atravesa (e divide) Oza-Cesuras. A día de hoxe, o talude segue igual e o sanatorio estase restaurando con fondos da Xunta e cuxa dedicación si se consultou á poboación.

O recordo dos concelleiros

Lito Vázquez era o portavoz do BNG en Cesuras cando se decatou da fusión. «Pasei noites sen durmir porque me sentía aldraxado e atropelado nos meus dereitos», lembra. «A fusión era algo que se podía discutir, pero o anuncio tal e como se fixo foi unha ocorrencia que veu ordenada de arriba», acusa o concelleiro, que durante o proceso abandonaría o BNG xunto ás súas dúas compañeiras para fundar Independentes por Cesuras.

Pilar Pedreira era a portavoz socialista neste municipio. «Houbo moita tensión e pouca transparencia, a poboación polarizouse bastante e ao final para nada. Oza segue igual e Cesuras está peor», sentenza.

Con ela coincide Estefanía Bustos. «En Cesuras perdeuse pediatría, a matrona, o transporte, non hai novos servizos culturais, tampouco hai un aforro político porque o alcalde cobra máis do que se aforran en concelleiros, e empresas, cantas viron?», pregúntase a nacionalista.

Antes do anuncio da fusión, Begano comprara unha parcela en Oza para levantar unha nave loxística, pero a crise do 2008 cancelou numerosos plans de Coca-Cola. Posteriormente, en Cesuras difundiuse a instalación dunha planta de biomasa que nunca chegou.

«Se se votou, a fusión non tería saído. Tratóusenos como a borregos», di José Antonio Vaamonde, exconcelleiro do PSOE.

No Concello segue figurando o nome de Oza dos Ríos. Do mesmo xeito que nas estradas. «Temos outras necesidades máis urxentes que os gastos no cambio da sinalización», explica o alcalde.