Entra a roubar nun restaurante de Oleiros, asústase pola alarma e só leva unha botella de licor

La Voz OLEIROS

OLEIROS

Cedido

O propietario de Dei Paolo cre que o sistema de seguridade foi clave para evitar un roubo maior

04 may 2024 . Actualizado ás 14:15 h.

Leva pouco máis de cinco meses aberto, pero o restaurante italiano Dei Paolo xa recibiu a visita indesexable dos amigos do alleo. Un ladrón entrou de madrugada ao establecemento situado na zona do Seixo tras golpear con violencia a porta da terraza ata conseguir romper un dos cristais para acceder ao interior. «Foi sobre as 4 da mañá. A alarma saltou e tamén se disparou o flash dun dispositivo de seguridade que temos baixo a porta para facer fotos. Parece que o ladrón se puxo nervioso e marchouse rápido. Só levou unha botella de licor», explicou o propietario do negocio, Geam Paolo Demoniz, que xa interpuxo unha denuncia ante a Garda Civil polo sucedido. 

O hostaleiro cre que o sistema de seguridade foi clave á hora de evitar un roubo maior. «Entrou como asustado ata a barra, púxose a rebuscar, pero a alarma empezou a soar e fuxiu», relata. Por fortuna, os danos materiais foron menores e o negocio puido traballar con normalidade sen necesidade de pechar as súas portas nunha fin de semana co Día da Nai incluído no que agardan gran afluencia de clientes.